A área de Benestar convida á cidadanía lucense a coñecer Galicia, este verán, cun programa de excursións culturais

As viaxes, que terán lugar dende o 8 de xullo e até o 2 de setembro en sábados alternos, terán como destino importantes festas populares da comunidade autónoma.

As actividades, inclusivas e abertas a todos os públicos, terán un custo de 4’12 euros en concepto de gastos de desprazamento. O xantar correrá a cargo de cada asistente.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a semana anterior de forma presencial nun centro social concreto segundo a saída da que se trate.

Martes, 13 de xuño de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Benestar convida á cidadanía lucense a coñecer Galicia, este verán, cun programa de excursións culturais

A Festa do Polbo de Mugardos, a da Pescada do Pincho de Celeiro, a do Bonito de Burela, a Queimada Popular de Cervo e a Feira Franca de Pontevedra.

Estes son os cinco destinos que a área de Benestar Social, que dirixe Olga López Racamonde, propón á cidadanía lucense para gozar das fines de semana do verán.

A edil daba a coñecer hoxe a programación de excursións coas que o Executivo de Lara Méndez pretende diversificar a oferta de ocio municipal, incluíndo viaxes a puntos de interese da comunidade autónoma en datas sinaladas nas que se exaltan produtos da gastronomía local.

“Trátase de excursións moi atractivas que, alén de coñecer estas localidades da mariña lucense e ferrolá ou a cidade do Lérez, posibilitan ás e aos usuarios profundar nas festas populares, no folclore autóctono e nas tradicións de vilas que, precisamente por eses eventos, resultan un importante reclamo turístico nos meses estivais”, indicou López Racamonde.

As viaxes terán lugar os sábados alternos, dende o 8 de xullo e ate o 2 de setembro, sendo a Praza de Bretaña o seu punto de partida (09:00 horas) e de chegada (ás 21:00 horas).

As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a semana anterior a cada saída – entre o luns e o mércores -  e entregar a súa solicitude de forma presencial (entre as 09:00 e as 13:00 horas) nun Centro de Convivencia concreto, en función do destino do que se trate.

A concelleira destacou que “a proposta está pensada, unha vez máis, como actividade recreativa coa que queremos favorecer e fomentar a socialización inclusiva da veciñanza, de xeito que se mantén aberta a todos os públicos”.

Benestar Social habilitou 50 prazas por actividade e o seu custo será de 4’12 euros (para cada excursión), en concepto de gastos de desprazamento en autobús, mentres que o xantar correrá a cargo de cada participante.

Excursións

  • 1ª Saída. Sábado, 8 de xullo.FESTA DO POLBO DE MUGARDOS. Inscrición no Centro de Convivencia da Milagrosa.
  • 2ª Saída. Sábado, 22 de xullo.FESTA DA PESCADA DO PINCHO DE CELEIRO. Inscrición no Centro de Convivencia da Lamas de Prado.
  • 3ª Saída. Sábado, 5 de agosto.FEIRA DO BONITO DE BURELA. Inscrición no Centro de Convivencia Maruja Mallo.
  • 4ª Saída. Sábado, 19 de agosto.QUEIMADA POPULAR DE CERVO. Inscrición no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra.
  • 5ª Saída. Sábado, 2 de setembro.FEIRA FRANCA DE PONTEVEDRA. Inscrición no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra.

Instrucións:

  • Saída dende a Praza de Bretaña ás 09:00horas. Regreso ás 21:00 horas.
  • 50 prazas por viaxe que se asignarán por orde de inscrición.
  • Inscrición presencial luns, martes e mércores da semana anterior a cada excursión no Centro de Convivencia correspondente.

Noticias relacionadas