A área de Cultura resolve os concursos de disfraces e escaparates do Samaín

Maite Ferreiro: “quixemos colaborar cos comercios de Lugo na súa reactivación despois da crise sanitaria”

En total, a área de Cultura reparte 6.000€ en premios

Luns, 16 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Cultura resolve os concursos de disfraces e escaparates do Samaín

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou os gañadores dos concursos de disfraces e escaparates organizados co gallo do Samaín, “dúas citas que permitiron á veciñanza coñecer as salas museísticas de Lugo ao mesmo tempo que promocionamos os comercios da cidade”, explicou Maite Ferreiro.

A área de Cultura repartiu en total 6.000€ en vales que se entregarán ás gañadoras e gañadores do concurso de disfraces para que invistan nos negocios gañadores do concurso de escaparates. “Tentamos desta maneira colaborar na reactivación do comercio local despois da crise sanitaria”, declarou Maite Ferreiro.

Os establecementos participantes no concurso de escaparates tiveron que decorar os seus escaparates coa temática do Samaín. O xurado designado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua estivo composto por un técnico da área e dúas persoas vinculadas ao sector do teatro, das artes aplicadas e o deseño. O xurado valorou a composición estética, orixinalidade e adecuación á temática.

Os tres primeiros premios foron para a Queixería Arcadio Coroas, El Faro de los Tres Mundos e Craft & Tea. Ademais, entregáronse cinco accésits a Triskel, Lilas Lencería, Mariña, Pauxi Pauxi Complementos e Go Diva’s.

No concurso de disfraces, as persoas participantes debían fotografarse cos seus disfraces nalgunha das salas museísticas municipais, o Centro de Interpretación da Muralla, MIHL, a Sala de Exposicións Porta Miñá e o Centro Arqueolóxico de San Roque,  ou no C.S. O Vello Cárcere e enviar ata un máximo de tres fotos. Os gañadores foron Daniel Revuelta, Pilar Cabello, Elliane Álvarez, Valeria Fernández, Chloe Álvarez, Paula López e Santiago Tarrío.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre os Concursos do Samaín | Descargar mp3

Noticias relacionadas