A área de Medio Ambiente inicia os traballos de reparación das escaleiras e sendeiros peonís das Costas do Parque

Os traballos, que comezan esta mañá, inclúense dentro das melloras previstas no novo contrato de mantemento das zonas verdes municipais.

Martes, 16 de maio de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Medio Ambiente inicia os traballos de reparación das escaleiras e sendeiros peonís das Costas do Parque

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, informou esta mañá de que a nova adxudicataria do servizo de mantemento das zonas verdes de Lugo comezou a executar as melloras incluídas no contrato para acondicionar o Parque de Rosalía, ao que cualificou como “un enclave de especial coidado e protección para o Goberno de Lara Méndez”.

Así, Fernández relatou que entre os traballos previstos figura a renovación e incremento dos equipamentos deste recinto, de maneira que “a maiores de todas as intervencións que dende esta área se fixeron nos últimos meses, con motivo do centenario das instalacións, pretendemos ir agora un paso máis aló na súa conservación”.

O edil deu conta de que, entre outros traballos, as e os operarios están procedendo estes días á reparación e substitución das escaleiras dos sendeiros peonís nas Costas do Parque, tarefas que terán continuidade posteriormente coa demolición e substitución dos bordos interiores do parque ou a renovación do céspede e do sistema de rego”, sinalou Fernández.

“Son melloras que dan conta da aposta clara e decidida que fai este Executivo por mellorar a calidade de vida da veciñanza para que atope nesta contorna un espazo marabilloso de ocio, descanso e socialización, ao tempo que contribuímos a incrementar a boa imaxe de Lugo entre lucenses e visitantes, poñendo en valor o noso patrimonio natural”, concluíu o responsable de Medio Ambiente.

Noticias relacionadas