A área de Participación amplía a programación do Mercado Municipal cunha nova edición da Xornada de Intercambio de Artigos Cervexeiros de Lugo

Maite Ferreiro e Cristina López presentaron a xornada xunto con Alejandro Rodríguez, representante da Asociación de Coleccionistas Cervexeiros en de Galiza.

A xornada terá lugar o vindeiro domingo, 29 de outubro, a partir das 11 no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros.

Mércores, 25 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Participación amplía a programación do Mercado Municipal cunha nova edición da Xornada de Intercambio de Artigos Cervexeiros de Lugo

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, presentaron a edición da Xornada de Intercambio de Artigos Cervexeiros de Lugo, organizada pola asociación de Coleccionistas Cervexeiros de Galiza. Cristina López destacou a mostra como "unha nova edición coa que buscamos repetir o éxito da xornada realizada o ano pasado ".

A xornada agrupará a máis de 20 expositores que mostrarán as súas pezas o vindeiro domingo, 29 de outubro, a partir das 11 da mañá. Achegaranse coleccionistas de botellas de cervexa, chapas, pousavasos, etiquetas, vasos serigrafiados e outros artigos coleccionables procedentes de todo o mundo. A concelleira de Participación destacou que "é unha oportunidade única para coñecer o mundo do coleccionismo relacionado coa cervexa", e engadiu "a veciñanza de Lugo poderá acudir de xeito gratuíto a ver as distintas coleccións".

A mostra conta co apoio de La Craft, cervexaría artesá ubicada no Mercado Municipal, que permitirá degustar distintas cervexas artesás realizadas en Lugo.

A mostra está a ser promocionada nun dos foros de coleccionismo especializado na cervexa máis importantes a nivel estatal e internacional, e desde a organización cóntase coa presenza de coleccionistas de Galiza, de distintas partes do estado e de Portugal, que se achegarán a Lugo para mostrar a súa colección.

Cristina López afirmou que “continuamos a dotar ao Mercado Municipal de actividades novidosas e interesantes”, e lembrou que nos últimos meses o mercado acolleu, entre outras actividades, unha xornada de divulgación científica, concertos musicais e obradoiros infantís.

Audio

  • A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, sobre a xornada de intercambio sobre artigos cervexeiros | Descargar mp3

Noticias relacionadas