Benestar doará a familias vulnerables medio millar de entradas coas que os feirantes agradeceron ao Concello poder traballar no San Froilán

Lara Méndez: “A nosa vontade é que este xesto de xenerosidade dos barraquistas sirva para que todos os nenos e nenas de Lugo poidan gozar das festas patronais”.

A área de Benestar entregará os tíckets ás familias que están dadas de alta no programa de Educación Familiar, ás que xa están chamando as educadoras municipais.

Esta iniciativa súmase á redución de prezos das atraccións, compromiso que acadou a rexedora por parte dos feirantes a cambio de non cobrarlles este ano as taxas.

Sábado, 09 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar doará a familias vulnerables medio millar de entradas coas que os feirantes agradeceron ao Concello poder traballar no San Froilán

Unha representación dos feirantes do recinto feiral do San Froilán fixeron entrega á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, de preto de medio millar de entradas para regalar aos nenos das familias máis vulnerables, así como ao persoal municipal que fixo posible co seu esforzo que este ano se puidesen instalar en Lugo, “nun tempo récord desde que a rexedora nos comunicou a súa vontade de que puidésemos traballar nas festas patronais”.

O persoal municipal, pola súa parte, cedeu tamén as súas entradas para os máis pequenos.

O obxectivo é que “ningún neno de Lugo se quede sen subir ás atraccións da feira”, segundo manifestaron os barraquistas, que quixeron con este detalle “agradecer ao Concello a súa implicación co noso sector”. Así mesmo, anunciaron que doarían máis se fose necesario.

Lara Méndez asegurou sentirse moi honrada polo xesto dos feirantes, “ao cedernos todos estes pases para os carruseis e tómbolas e, como non podía ser doutra maneira, a nosa vontade é que ese aceno de cariño, esa solidariedade e xenerosidade, chegue directamente a aquelas persoas ás que a crise sanitaria e económica que nos trouxo a pandemia afectou con maior impacto”, afirmou a rexedora. “Para estas familias en situación de dificultade, poder levar aos seus fillos e fillas ás barracas significa moito máis que o propio valor da entrada”, subliñou.

A edil de Benestar, Olga López, tamén presente na entrega, avanzou que os tíckets se entregarán ás familias que están dadas de alta no programa de Educación Familiar, “ás que xa comezaron a chamar as educadoras municipais”.

Esta iniciativa súmase á redución de prezos das atraccións, compromiso que acadou a rexedora por parte dos feirantes a cambio de non cobrarlles este ano as taxas.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a doazón de entradas ás barracas | Descargar mp3

Multimedia

  • Benestar doará a familias vulnerables medio millar de entradas coas que os feirantes agradeceron ao Concello poder traballar no San Froilán

Noticias relacionadas