Benestar pon á disposición das familias o programa Aulas Abertas para favorecer a conciliación durante as vacacións lectivas do verán

Os meses de xullo e agosto, os centros de convivencia e as escolas da zona rural desenvolverán durante toda a mañá actividades de entretemento para crianzas de entre 3 a 12 anos.

Venres, 04 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar pon á disposición das familias o programa Aulas Abertas para favorecer a conciliación durante as vacacións lectivas do verán

A área de Benestar Social anuncia que o vindeiro luns, 7 de xuño, abre o prazo para solicitar as Aulas Abertas. Unha prestación municipal que o Goberno de Lara Méndez pon a disposición da veciñanza para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o verán propiciando, ao mesmo tempo, a integración sociocomunitaria da cidadanía.

O obxectivo é – segundo sinalou a edil Olga López Racamonde – habilitar recursos públicos para as familias, favorecendo a súa organización durante as vacacións estivais mentres as súas crianzas desfrutan de momentos de lecer e socialización de forma segura”.

A concelleira de Benestar explicou que, as actividades terán lugar nos centros de convivencia da capital (Fingoi, Lamas de Prado, María Balteira, Uxío Novoneyra, Milagrosa e Maruja Mallo), así como nas escolas da zona rural, en horario de 08:30 a 14:30 horas e por quincenas: do 1 ao 15 e do 16 ao 31 de xullo e do 2 ao 13 de agosto e do 16 ao 31 dese mesmo mes.

As e os máis pequenos poderán aproveitar estas xornadas para realizar, en grupos reducidos, xogos cooperativos e de psicomotricidade, manualidades, etc, recorrendo sempre que se poida, aos espazos ao aire libre da contorna e garantindo unhas condicións de sanidade e hixiene óptimas”, abondou Olga López.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude até o 11 de xuño de tres maneiras: de forma presencial – solicitando cita previa co animador/a do centro, por correo electrónico - a través do enderezo aulasabertas@lugo.gal - ou ben a través da sede electrónica www.lugo.gal

A adxudicación das prazas (80) será por orde de inscrición e a cota de 1’03 euros por día, aínda que o Concello contempla bonificacións do 50% para o/a segundo/a fillo/a mentres que o/a terceiro/a quedará exento, previa xustificación e sempre que os ingresos da unidade familiar ou de convivencia non superen dúas veces o IPREM do ano 2021, salvo situacións económicas sobrevidas”, indicou a edil.

As listas de admitidos provisionais sairán publicadas o próximo 18 de xuño e as definitivas o 25.

Con esta proposta, dende a área de Benestar, pretendemos, unha vez máis, axudar ás nais e pais a compatibilizar mellor a súa xornada de traballo coa atención dos nenos e nenas, nunhas datas non lectivas nas que queremos ofrecer unha alternativa lúdica e tamén didáctica para que as e os cativos socialicen e compartan vivencias, sempre nun contexto seguro para eles e para as súas familias”, concluíu Olga López Racamonde.

Audio

Documentos

 

Noticias relacionadas