Centos de persoas celebran o Día das Letras participando nas actividades de música e baile organizadas polo Concello

A Alcaldesa reivindica o papel da muller na literatura galega e un maior compromiso das administracións en favor do uso do idioma, “que nos identifica como pobo e nos aporta máis riqueza”

Xoves, 17 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Centos de persoas celebran o Día das Letras participando nas actividades de música e baile organizadas polo Concello

Centos de persoas se achegaron este xoves á Praza Maior para celebrar o Día das Letras Galegas participando nas actividades de música e baile organizadas polo Concello de Lugo, protagonizadas por primeira vez nestas datas de maneira conxunta pola Escola Municipal de Música e uns 130 nenos e nenas de sete colexios e ASPNAIS. A Alcaldesa, Lara Méndez, e o Concelleiro de Educación, Manuel Núñez, asistiron ao festival desta mañá, durante o que ofreceu un concerto a banda da Escola Municipal de Música, e seguidamente os nenos e nenas dos centros educativos e de ASPNAIS bailaron pezas tradicionais galegas acompañados polo grupo de pandereteiras da Escola de Música primeiro e logo polo de gaitas e tambores.

Lara Méndez felicitou a todos galegos e galegas “polo noso día, o Día das Letras Galegas, que ademais este ano homenaxea a unha ilustre galega, aínda que non de nacemento, si de sentimento, que promocionou moito a nosa lingua na literatura infantil e xuvenil, e é a cuarta muller á que se lle dedica esta conmemoración en toda a súa historia”. Polo tanto, a Alcaldesa reivindicou “o papel da muller na literatura galega” e o “papel da lingua galega nun momento de dificultade e mesmo de retroceso na aposta clara e decidida por parte das administracións”. Méndez subliñou a boa acollida das actividades organizadas polo Concello no Día das Letras “para poñer en valor a nosa lingua e cultura, que nos identifica como pobo e que nos aporta máis riqueza”.

Tras o festival desta mañá, a programación do Concello continuará pola tarde coa actuación de nove agrupacións corais e de orfeóns, que recorrerán dende ás 18:30 horas a rúa Bispo Aguirre e a Praza Maior, seguindo o paseo literario que existe nestes espazos. Os grupos participantes son: a Coral Asociación Amigos do Camiño de Santiago, Cantar Delas, Coral Ecos do Miño Astelu, Coral Polifónica Hospital Xeral, Conxunto Vogal Lugh, Grupo Vocal Solo voces, Orfeón Xoán Montes e Coral Xolda.. Contará co xornalista Paco Nieto como presentador do concerto e seis comisionados para a organización.

Así mesmo, na Biblioteca Municipal haberá un contacontos dirixido aos máis cativos e cativas a partir das 18:30 horas.

Noticias relacionadas