Comeza a IV Semana da Danza de Lugo

Ata o día 29 poderemos disfrutar de espectáculos de baile e danza no Auditorio Gustavo Freire

Venres, 24 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comeza a IV Semana da Danza de Lugo

A Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, asistiu hoxe ós actos cos que se abriu a 4ª Semana da Danza de Lugo, organizada polo Conservatorio Profesional de Danza de Lugo co patronio do Concello e que terá lugar ata o vindeiro día 29 no Auditorio Gustavo Freire.

Este evento cultural comezou coa posta en escea, por parte do Grupo de Danza Contemporánea e o Grupo de Percusión do Conservatorio de Música, do espectáculo Resonancias en Movemento e, co mesmo motivo, inaugurouse unha exposición fotográfica coa que colabora nesta Semana da Danza a Escola de Arte e Deseño Superior Ramón Falcón.

Para mañá, sábado, está programado o Encontro de centros de danza, que reunirá alumnos de centros de ensino de danza clásica e contemporánea de Santiago, A Coruña, Oleiros, Ferrol, Vilagarcia de Arousa,  Ribadeo e Lugo, que conmeorarán con esta xuntanza o Dia Internacional da Danza.

O domingo, día 26, será a xornada adicada a outros estilos de danza distintos da clásica e a contemporánea. No acto colectivo “Fusión en Danza” participarán bailarines dos centro de ensinanza Ritmo Lugo, Star Dance, Victoria Gil, Mercedes Castro, Espazo Artístico 10 e Teresa Neri, que se adican a outros estilos de danza. Será ás 19.00 horas no Auditorio Gustavo Freire.

O luns 27 de abril a partir das 19 horas terá lugar a presentación do concurso coreográfico no que o alumnado presentarán diferentes traballos coreográficos sobre Martha Graham no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

O martes 28 de abril o alumnado do Grao Profesional de danza clásica do Conservatorio de Danza de Lugo levarán a cabo unha actuación de Mostra do repertorio de danza clásica que comezará as 20 horas tamén no Auditorio Gustavo Freire.

As actividades da Semana da Danza rematarán o mércores, 29 de abril, coa actuación do  Xove Ballet de Galicia que representarán O lago dos cisnes en dous pases, un para escolares de toda a provincia ás 11.30 horas e outro para todos os públicos ás 20 horas. Este último terá unha entrada a un prezo único de 6 euros que se poderá mercar dende unha hora antes da actuación ou ben na web www.servinova.es ou www.afundacion.org .

Noticias relacionadas