A Concelleira de Benestar participa na inauguración do 28 Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría

Ana González Abelleira mostrouse orgullosa de que a cidade acolla a este congreso de ámbito internacional e subliñou o compromiso do Concello cos seus maiores

Venres, 22 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Concelleira de Benestar participa na inauguración do 28 Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, o Presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, Miguel Ángel Vázquez, o Deputado de Innovación e TIC´s, Pablo Rivera, a Directora Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Coro Piñeiro, e o Presidente do Comité Organizador, Carlos Dosil, participaron no acto de inauguración do XXVIII Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, que tivo lugar este venres no Salón de Actos da Deputación.

A edil mostrouse orgullosa de que a cidade acolla a 28 edición deste congreso de ámbito internacional e subliñou o compromiso do Concello cos seus maiores. Neste senso, a edil lembrou o gran abano de servizos que lles ofrece a entidade local, que pasan principalmente polo servizo de axuda e xantar no fogar, o Centro de Día Antonio Gandoy e un completo programa de actividades de animación sociocultural nos centros sociais da cidade e do rural.

“Os nosos maiores, ao igual que as persoas máis vulnerables, son prioritarias na nosa acción de Goberno, sendo os servizos sociais o piar fundamental da nosa política, para os que destinamos o 21% do orzamento total do 2016”, asegurou González Abelleira, quen afirmou que o Concello seguirá prestando un servizo digno e de calidade aos maiores e seguirá adaptando os recursos á realidade social da cidade, na que o 20% da poboación é maior de 65 anos. 

Noticias relacionadas