Concello, Auxilia e APHEL únense para distinguir aos establecementos hostaleiros accesibles

Un selo, outorgado polo Gabinete Municipal de Accesibilidade, recoñecerá aos locais da capital que estean libres de barreiras arquitectónicas.

Os negocios interesados en obtelo deberán superar unha avaliación técnica coa que se garanta o desenvolvemento autónomo de calquera persoa no seu interior, independentemente do seu grao de mobilidade.

Venres, 31 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Auxilia e APHEL únense para distinguir aos establecementos hostaleiros accesibles

O Concello de Lugo, Auxilia e a Asociación Provincial de Hostaleiros seguen a sumar esforzos para acadar unha cidade totalmente inclusiva.

Dende esta semana, os locais da capital que sexan accesibles para persoas con mobilidade reducida poderán expoñer no seu establecemento un distintivo que así o acredita.

“Un selo reflexo do compromiso que as tres entidades amosamos e mantemos por acadar un municipio cota cero, sen barreiras arquitectónicas que poidan poñer freo á integración real de calquera persoa en calquera faceta da sociedade”, sinalou a alcaldesa Lara Méndez que, xunto á Concelleira de Benestar, Olga López, e a representantes de Auxilia e da APHEL deron a coñecer a iniciativa.

A rexedora explicou que para poder obter o selo de accesibilidade, os negocios deberán cumprir unha serie de requisitos establecidos polo Gabinete Municipal.

“Cada local será analizado segundo as súas características específicas, tanto no que ten que ver cos accesos,  ramplas, dimensión das portas, aseos etc, para garantir que calquera persoa, independentemente do seu grao de mobilidade, poida desenvolverse da maneira máis autónoma posible, entrar, circular, utilizar, orientarse e saír do establecemento o que redundará, tamén, na creación de oportunidades laborais no sector”, abondou a rexedora.

Pola súa parte, a concelleira de Benestar Social, Olga López, afirmou que “esta nova campaña de concienciación está a ter unha gran acollida, de xeito que son numerosas as empresas que amosaron xa interese en someter os seus negocios a unha avaliación de diagnóstico. Un traballo – referiu – que levarán a cabo técnicos de Auxilia co apoio do Gabinete Municipal e que se pode solicitar a través da APHEL ou da web Lugo Accesible (https://lugoaccesible.com/), onde tamén figurará publicado o listado de establecementos sen barreiras adheridos”, indicou a edil.

Dende Auxilia, Aquilino González trasladou a súa gratitude ao Concello “polo interese en colaborar nesta acción e poñer en marcha proxectos comúns que mellorarán a calidade de vida de moitas persoas”.

O selo de accesibilidade súmase a todo o labor realizado dende a Administración local en colaboración co tecido asociativo da cidade que fixeron merecedora a Lugo de prestixiosos recoñecementos de nivel nacional e internacional, como o Premio Nacional Reina Sofía de Accesibilidade; a distinción de Destino Turístico Accesible de España (2015); a Mención Especial nos Premios Europeos de Accesibilidade -Access City Award- (2016); e a declaración como Cidade Mapcesible pola Fundación Telefónica (2019). O Concello mesmo foi convidado no 2017 pola Comisión Europea a expoñer en Bruxelas o seu modelo de cidade con motivo do Día Europeo da Discapacidade.

Noticias relacionadas