As entradas do Caudal Fest, que volve con forza o 20 e 21 de setembro como #AÚltimaGranFestaDoVerán, á venda dende mañá

Poden mercarse dende os 29 euros (máis gastos de xestión), as 1.000 primeiras entradas, a través de www.caudalfest.es e a plataforma entradasatualcance.com dende as 11:00 horas

#AÚltimaGranFestaDoVerán terá como cabezas de cartel aos madrileños Izal, unha das bandas con máis proxección internacional do panorama actual, e aos navarros Marea, que regresan tras máis de 6 anos sen actividade cun novo disco

Xoel López, Holywater, Beret, Carolina Durante, La Pegatina, La M.O.D.A., ToteKing, Los Bengala, Agoraphobia, Bocanada, Tigre y Diamante, e Galician Army serán outras das actuacións

Luns, 20 de maio de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As entradas do Caudal Fest, que volve con forza o 20 e 21 de setembro como #AÚltimaGranFestaDoVerán, á venda dende mañá

As entradas para o Caudal Fest, que regresa en setembro a Lugo como #AÚltimaGranFestaDoVerán, poñeranse á venda mañá martes, dende as 11:00 horas, as 1.000 primeiras, a 29 euros (máis gastos de xestión). Poderanse retirar a través da páxina web oficial do evento www.caudalfest.es e na plataforma oficial de entradas www.entradasatualcance.com. O obxectivo para este ano é repetir e superar o éxito acadado na súa primeira edición con máis de 22.000 persoas asistentes, cun cartel máis selecto e plural.

O Concello volve apostar por esta cita cultural, xa de referencia en Galicia, para que Lugo se sitúe no mapa dos festivais urbanos e para impulsar unha festividade vinculada co desenvolvemento sostible do medio ambiente, no que ademais se lle ofrece unha oportunidade a grupos locais.

Durante os días 20 e 21 de setembro, o Caudal Fest ofrecerá a posibilidade de gozar das actuacións de grupos de fama internacional e da paisaxe de Lugo, o río Miño ao seu paso por Lugo. Contará cunha programación variada e de calidade, con dous días completos cheos de concertos como novidade respecto ao ano pasado, ampliando así a oferta musical para as persoas asistentes. Terá como cabezas de cartel aos madrileños Izal, unha das bandas con máis proxección internacional do panorama actual, e aos navarros Marea, que regresan tras máis de 6 anos sen actividade cun novo disco e unha xira que os levará por gran parte de España onde xa están rompendo récords de asistencia, cun dos poucos concertos que dará en festivais este ano. Ambos darán actuacións de longa duración para deleite de todos os seus fans.

Un dos estandartes da música galega non podería faltar este ano, o gran Xoel López, nin un dos regresos máis esperados da música lucense, Holywater. Tamén haberá lugar para a música máis actual coa actuación do exitoso Beret ou un dos artistas revelación deste ano, Carolina Durante.

Tampouco faltará a festa coas actuacións de La Pegatina e La Maravillosa Orquesta del Alcohol, La M.O.D.A., nin o lado máis urbano do noso público grazas ao rapeiro ToteKing.

Los Bengala, Agoraphobia, Bocanada, Tigre y Diamante, e Galician Army serán outras das actuacións que formarán a programación do Caudal Fest 2019.

Da mesma maneira que na anterior edición, o evento volverá a converterse nun referente para Lugo e para toda Galicia, sendo un dos maiores festivais de toda a comunidade e un dos principais de todo o norte de España.

En plena era na que os festivais reinan como opción principal de ocio e turismo para un amplo sector da sociedade, o obxectivo será de novo promover a propia cidade, as súas impresionantes paisaxes e  seu patrimonio turístico e ambiental único. Unha relación sinérxica na que Lugo recibe o festival os brazos abertos aos seus visitantes, ansiosa de por fin poder gozar dun evento destas características un entorno sen igual e que sitúe a Lugo no mapa cultural e turístico.

Onde a natureza, a historia e a música se xuntan

O Caudal Fest é un festival verde, situado no xardín do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, a carón do río Miño e rodeado de vestixios históricos e patrimoniais de todo tipo, a Ponte Romana e as Terms Romanas, e moi preto da Muralla. Grazas a isto, o festival convértese nun punto de encontro e harmonía entre a natureza, o histórico e a música.

A zona de descanso do festival onde acampan os seus asistentes é unha proba máis da coexistencia coa natureza, onde un pode espertar e erguerse fronte ao río Miño e logo gozar da cidade e da súa gastronomía a tan só 10 minutos andando do recinto.

O festival aposta, sen dúbida algunha, polo respecto ao medio ambiente e pola historia que enche cada recuncho da cidade.

Máis info

Noticias relacionadas