Esta finde en Lugo: faladoiro feminista, andaina sobre a auga, teatro familiar e un concerto de guitarra

Xoves, 25 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo ten programadas para esta fin de semana distintas alternativas culturais. Para mañá venres, está prevista a charla Estereotipos e patriarcado no cine: roles e clichés, a cargo da investigadora, escritora e crítica de cine e televisión feminista Pilar Aguilar, a partir das 20:00 horas no auditorio do Vello Cárcere. Esta conferencia enmárcase na segunda edición dos Faladoiros Feministas, organizados polo Concello e Deputación, en colaboración co Foro Feministra Maruja Mallo. Dende mañá e ata maio terán lugar un total de 7 charlas.

O domingo arrincará cunha excursión de antropoloxía e etnografía: Ninfas e lares: a auga da vida e da morte nos Camiños do Lugo Romano. Trátase dun itinerario polo museo arqueolóxico de San Roque, a Sala de Exposicións Porta Miñá, a Ponte Vella, o Balneario, e a Vía Romana XIX: Campelo, Tórdea e Castrillón. Esta andaina,  dun 9 quilómetros, e enmarcada na programación do Concello de Terras de Auga e Cultura, partirá ás 10:30 horas, dende a parada de bus da rúa Anxo López Pérez. Para participar é preciso inscribirse na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, ou ben a través do teléfono 982-251-658.

A partir das 18:30 horas, o Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá un espectáculo familiar, a cargo de Tanxarina Títeres, que mistura monicreques e actores, basada no conto homónimo de Carlos Casares. Baixo o título de A galiña azul, as e os asistentes poderán gozar dunha historia dunha galiña con cinco plumas vermellas na á dereita, que pon ovos de cores. As entradas para este espectáculo, que está dentro da programación de teatro e danza para familias do Concello e AGADIC, é de 5 euros para adultos e de 2,5 para os máis pequenos e pequenas. Pódense mercar na Oficina de Turismo ou no propio auditorio dende 90 minutos antes da actuación.

Para rematar a xornada, o británico Jack Broadbent, un dos guitarristas máis aclamados na actualide, que actuará por primeira vez en Galicia, ofrecerá un concerto no Vello Cárcere, a partir das 19:00 horas. Esta actuación desembarca en Lugo dentro do ciclo Galicia Importa, que tamén chega á cidade por primeira vez coa colaboración do Concello. As entradas xa están esgotadas.

Noticias relacionadas