Historias dos familiares de presos do Vello Cárcere celebran o primeiro aniversario deste espazo reconvertido a centro cultural e espazo aberto á imaxinación

Lara Méndez e Carmen Basadre participaron este domingo nos actos conmemorativos, que consistiron na proxección de cinco documentais elaborados pola Fundación TIC da Deputación

Os actos de aniversario continuarán o martes, 15 de maio, a partir das 20:30 horas cun encontro co escritor Lorenzo Silva e o neto do arquitecto que deseñou o Vello Cárcere, José Antonio Cobreros Aranguren

Domingo, 13 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Historias dos familiares de presos do Vello Cárcere celebran o primeiro aniversario deste espazo reconvertido a centro cultural e espazo aberto á imaxinación

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, participaron este domingo nos actos organizados para conmemorar o primeiro aniversario da apertura do Vello Cárcere como centro cultural e espazo aberto á imaxinación e creatividade.

Concretamente proxectáronse cinco documentais, todos eles gravadas neste espazo  histórico, acompañados de fotografías ou noticias da época. Os vídeos foron elaborados por profesionais e bolseiros da Fundación TIC, dependente da Deputación.  A reportaxe Exposición dende o panóptico, cada cela unha fiestra, un pequeno homenaxe aos e ás 13 artistas da triple exposición interdisciplinar que acolleu o Vello Cárcere, e que reuniu, por primeira vez, unha serie de traballos de diferentes figuras da arte galega e peninsular, que dialogaron co espazo carcerario e coa súa memoria a través de obras escollidas ou elaborada de maneira específica para este lugar; abriu a programación deste aniversario, ao que tamén asistiron outros membros da Corporación Municipal.

Posteriormente, proxectouse un conxunto de 4 vídeos, cos que baixo o nome de Vivencias, se volveu á memoria do Vello Cárcere con historias dos familiares de presos que estiveron neste centro. Nel participaron José Luis Mundiña Pozas, Manuel Cuesta Vázquez, Rafael Pérez de Vega e Claudio Rodríguez Fer, os últimos presentes no acto desta mañá; que nos vídeos falan en primeira persoa dos seus recordos ou do que foron coñecendo co tempo: as vexacións, humillacións ou maltrato que sufriron estes presos no Cárcere de Lugo que, malia ter capacidade para 125 internos, chegou a ter 900, o que facilitaba a propagación de enfermidades por falta de hixiene.Tamén lembraron a represión, discriminación e as dificultade que viviron as familias destes presos nunha época xa especialmente dura durante a guerra e na postguerra.

José Luis Mundiña Pozas, fillo de Ramón Mundiña Gil. Tiña sete anos cando detiveron ao seu pai en xullo de 1936. Ten recordos moi vividos da detención e de todo o calvario que tiveron sufrir o seu pai e a familia.

Manuel Cuesta Váquez, fillo de Eusebio Cuesta Fernández, mestre albanel que foi detido en Monforte en xullo de 1936, e trasladado ao cárcere de Lugo en 1937. Percorreu varios presidios por toda España ata 1942.

Rafael Pérez de Vega, un dos netos do doutor Rafael de Vega fusilado en outubro de 1936. 

Claudio Rodríguez Fer, fillo de Claudio Rodríguez Rubio, detido e ingresado en 1945.

Os actos de aniversario continuarán o martes, 15 de maio, a partir das 20:30 horas cun encontro co escritor Lorenzo Silva e o neto do arquitecto que deseñou o Vello Cárcere, José Antonio Cobreros Aranguren. Intervirán sobre o libro de Silva, Recordarán tu nombre, que fai memoria ao ferrolá José Aranguren, fusilado por manterse fiel á República durante a Guerra Civil.

Noticias relacionadas