Lara Méndez anuncia un concerto de balde das Tanxugueiras como un dos pratos fortes musicais da programación do Arde Lvcvs

A alcaldesa Lugo destacou o traballo das artistas, “que están a achegar a cultura galega á xente máis nova, o que permite que arraigue un sentimento de amor e respecto pola nosa identidade”.

Mauricio Repetto avanzou para este verano a gran recuperación da festa de recreación histórica tras dous anos de pandemia.

O concerto terá lugar o día 12 de xuño na Praza de Santa María.

Xoves, 10 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia un concerto de balde das Tanxugueiras como un dos pratos fortes musicais da programación do Arde Lvcvs

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe que as Tanxugueiras serán un dos pratos fortes musicais da festa do Arde Lvcvs deste ano, programación na que está a traballar a concellería de Xuventude con Mauricio Repetto ao fronte. O concerto do trío galego, integrado por Aída Tarrío e as xemelgas Olaia e Sabela Maneiro, será o vindeiro 12 de xuño na Praza de Santa María.

“A actuación será de balde”, avanzou a rexedora, que puxo en valor o traballo destas “mulleres galegas, fortes, valentes e empoderadas, que non só están a achegar a cultura galega á xente máis nova, o que permite que arraigue un sentimento de amor e respecto pola nosa identidade, senón que poñen a Galicia no mapa español e internacional”.

Méndez destacou que o talento destas artistas xa teñen a súa marca na cidade, “xa que con elas bautizamos a nova pasarela que une a trama urbana co Miño, a nosa Tanxurela, e tamén teñen unha placa co seu nome na Rúa Menorca”.

Repetto incidiu, pola súa banda, en que “o Arde Lvcvs regresa con toda a súa forza nesta edición co obxectivo de revitalizar os sectores cultural, hostaleiro e de ocio atraendo á nosa cidade actuacións de gran nivel, como é este caso”.

O edil destacou a importancia do Arde Lvcvs para divulgar o patrimonio e a historia da cidade xa que “Lugo recuperará o esplendor desta festa despois de dous anos marcados pola pandemia, ademais de estar a dar pasos para que sexa unha edición moi especial e teña a maior relevancia internacional posible”.

Tanxugueiras

Sabela, Aida e Olaia Maneiro tres  cantareiras para unha nova década.  O trío recolle o legado das  pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que as fixo triunfar xa en escenarios de varios países.

Aválanas éxitos como ‘Midas’, ‘ Figa’, ‘Averno’ (colaboración con  Rayden) ou ‘Terra’ (con máis de 11.000.000 de escoitas nas plataformas dixitais a finais de xaneiro), tema co que se alzaron como favoritas do público no Benidorm  Fest, competindo por ir a  Eurovisión con artistas como  Rigoberta  Bandini,  Chanel,  Varry Brava ou  Javiera Mena. Todo formará parte do seu novo disco, que verá a luz neste 2022 e co que presentarán un  ‘potentísimo’ show. Nel mostrarase a nova sonoridade creada pola banda, da que xa deron parte en directo en Manresa, Castelló, ou Porto e  Setúbal (Portugal).

Noticias relacionadas