Lara Méndez: “A aposta pola sostibilidade de Lugo refórzanos como polo de atracción de investimentos verdes na recuperación”

A rexedora participou hoxe no Congreso Nacional de Medio Ambiente, o maior encontro ambiental do país, que seleccionou ao municipio polo LIFE Lugo+Biodinámico.

A alcaldesa destacou que a marca de cidade sostible que “estamos a proxectar no exterior nos reforza como municipio innovador na renovación urbana e atractivo para a economía”.

A rexedora incidiu que “traballamos nunha cidade resiliente contra o cambio climático e tamén nunha nova economía, porque senón a mocidade buscará fóra as oportunidades”.

Luns, 31 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “A aposta pola sostibilidade de Lugo refórzanos como polo de atracción de investimentos verdes na recuperación”

A marca de cidade sostible que está a proxectar Lugo cara ao exterior “nos reforza non só como un municipio innovador na renovación urbana senón tamén como un polo de atracción para a implantación de empresas vinculadas coa bioeconomía e a economía circular”. Así o remarcou hoxe en Madrid a rexedora, Lara Méndez, durante a súa participación no XV Congreso Nacional de Medio Ambiente, o maior encontro ambiental do país, que este ano de desenvolve baixo o lema ‘A recuperación que queremos”.

Na mesa onde participou Lugo, que compartiu con Salamanca, Barcelona e Madrid, a alcaldesa indicou que o traballo que se estivo a realizar nos últimos seis anos cara unha transformación en verde está a resultar un revulsivo tamén para diversificar a economía, “porque se as cidades non traballan en ser máis resilientes na loita contra o cambio climático ao mesmo tempo que nunha nova economía, a nosa mocidade seguirá a marchar fóra na busca de oportunidades por moi agradables que convirtamos os territorios”.

No marco desde Congreso, que seleccionou a Lugo a participar por vez primeira e no que participan 1.200 expertos, a alcaldesa avanzou a Estratexia Lugo Transforma, na que o Concello mobilizará 12 millóns de euros de recursos municipais, o maior investimento económico da súa historia, para atraer a novos investimentos e crear postos de traballo en empresas verdes e innovadoras, que xeren un alto valor social e ambiental.

Lara Méndez explicou que esta marca verde de Lugo, “que denominamos ‘Lugo, Cidade Viva’ porque estamos en plena transformación”, se foi xerando a través dos proxectos europeos, especialmente a través do DUSI Muramiñae, “coa que estamos impulsando a rexeneración do barrio do Carme, a accesibilidade da trama urbana co río e creando novos equipamentos para o benestar social e o turismo”, e do LIFE Lugo+Biodinámico, “estratexia innovadora nun urbanismo sostible a través da madeira de Galicia como elemento construtivo cara a conseguir tecidos urbanos resilientes, neutros en carbono e adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático”.

Dos proxectos presentados por Lugo, os que xeraron maior expectación no Congreso foi o edificio Impulso Verde xa que a súa construción en madeira de Galicia certificada 100% permite un aforro enerxético dun 74% e unha redución do 95% de emisións de CO2, o que o converte nun referente na loita contra o cambio climático, así como o barrio multiecolóxico, o primeiro de España, no que se multiplicarán por cinco os espazos verdes e públicos respecto ao PXOM, por dous os equipamentos e impulsa a vivenda pública, ao destinar o 45% das mesmas. Lara Méndez definiu o barrio “como aldea urbana”, porque “a súa concepción sostible busca tamén maiores relacións interxeracionais e entre a veciñanza, así como cambio nos hábitos de vida”.

Noticias relacionadas