Lara Méndez avanza na mellora das instalacións deportivas con obras no pavillón Daniel Cordido da Piringalla

A intervención redunda no incremento da seguridade e no acondicionamento, especialmente, da imaxe das instalacións, que acolle diversas competicións a nivel nacional.

A alcaldesa Lara Méndez, e o concelleiro Mauricio Repetto, visitaron esta semana o polideportivo para comprobar o estado final dos traballos.

Sábado, 17 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez avanza na mellora das instalacións deportivas con obras no pavillón Daniel Cordido da Piringalla

A área de Deportes vén de investir 39.227 euros na mellora do polideportivo Daniel Cordido da Piringalla.

A alcaldesa, Lara Méndez, e o responsable desta concellería, Mauricio Repetto, visitárono esta semana para comprobar o resultado dos traballos executados.

Unha actuación que se suma a outras xa realizadas nos últimos meses polo Goberno de Lara Méndez co obxectivo de incrementar as prestacións que ofrecen as dotacións municipais e favorecer, así, a práctica de múltiples modalidades deportivas en condicións óptimas.

A rexedora engadiu esta intervención ás materializadas en Frigsa, tanto no pavillón como nas canchas de tenis - coa cubrición dunha delas, á renovación do céspede dos campos de fútbol das Gándaras, á remodelación das Pistas Municipais de Atletismo Gregorio Pérez Rivera ou a reforma que se está levando a cabo no Pombal, así como á creación de novas infraestruturas como o circuito de Skate Park que xa se atopa a disposición da cidadanía dende o pasado xoves, nas inmediacións de Duquesa de Lugo. “Aumentando as posibilidades de gozar na cidade dunha gran diversidade de instalacións, variadas e modernas, nas que teñen cabida todo tipo de usuarios, dende os máis experimentados até os principiantes e todas aquelas persoas que atopan no deporte unha maneira de coidarse e desfrutar do tempo libre”.

Pola súa parte, o edil Mauricio Repettoexplicou que as obras realizadas incluíron a elevación das gradas da pista de Hockey cunha estrutura metálica para que as primeiras filas de asentos teñan maior visibilidade, quedando situadas, así, por riba do valado de protección habilitado. Ademais acometeuse o pintando do interior do pavillón, e tamén da fachada exterior e da cancha de tenis anexa á construción, procedeuse ao cambio da porta principal de acceso por outra de seguridade e limpouse cun lavado a presión toda a zona exterior, ademais de instalar nova cartelería co nome do recinto.

Labores que non só melloran o polideportivo no seu conxunto, senón tamén a imaxe que ofrece e, sobre todo, o confort que atopan nel tanto os numerosos clubs que o empregan a diario para os seus adestramentos, senón tamén todas aquelas persoas que acoden como público ás diversas competicións, mesmo de nivel nacional, que acolle”, concluíu o concelleiro.

Noticias relacionadas