Lara Méndez avanza na posta en marcha dun acordo de colaboración con Barcelona sobre o San Froilán, a cultura e o turismo lucense

A alcaldesa mantivo unha reunión este luns co rexedor do distrito barcelonés de Nou Barris, lugar de residencia de miles de galegos e lucenses afincados na Cidade Condal.

Lara Méndez: “Buscamos aproveitar as sinerxias e puntos en común de ambas localidades para fornecer unha alianza que nos permita seguir crecendo conxuntamente”

Dende hai 27 anos, Nou Barris acolle o San Froilán catalán, unha cita na que se recrea o estilo popular e folclórico destes festexos e se pon de manifesto a unión dos dous pobos.

Luns, 19 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez avanza na posta en marcha dun acordo de colaboración con Barcelona sobre o San Froilán, a cultura e o turismo lucense

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu este luns no Concello ao rexedor do distrito de Nou Barris e concelleiro barcelonés de Turismo e Industrias Creativas, Xavier Marcé Carol, con quen mantivo unha reunión para avanzar na posta en marcha dun acordo de colaboración entre ambas localidades para a posta en marcha de accións conxuntas, coa celebración do San Froilán catalán como punto de partida, pero tamén en temas vinculados coa cultura e o turismo.

Neste senso, Méndez lembrou que “dende hai 27 anos, o distrito de Nou Barris acolle unha festa que reúne en comuñón aos lucenses que residen na nosa cidade e en Barcelona, e a todos os galegos que marcharon a Cataluña na procura dun futuro mellor; unha cita, polo tanto, na que se encontran a cultura galega e catalana para enxalzar os lazos de unión dos dous pobos, ao tempo que se recrea o estilo popular e tradicional do San Froilán na Cidade Condal”.

Esta celebración, promovida pola Asociación Cultural Amigos de San Froilán, naceu no ano 1995 grazas ao esforzo de tres empresarios lucenses residentes en Barcelona e tense convertido en cita obrigada no calendario festivo da cidade, non en balde, trátase das festas máis importantes de Barcelona, despois das tradicionais da Merced.

“Agora queremos aproveitar as sinerxias e puntos en común de ambas comunidades para fornecer unha alianza que nos permita seguir crecendo conxuntamente, deste xeito, estamos a traballar na sinatura dun acordo de colaboración co distrito de Nou Barris para a posta en marcha de actuacións coas que fomentar, de maneira conxunta, a cultura, economía e tradicións de ambos pobos”, explicou a alcaldesa.

Méndez explicou que durante a reunión “ademais de falar do San Froilán, unhas festas que forman parte da nosa identidade como pobo, xa que homenaxeamos ao noso patrón, así como do Arde Lucus e o Caudal Fest –as tres grandes citas da nosa cidade–, falamos tamén de proxectos incipientes como o coliving artístico, que promovemos dende o executivo, e co que se podería potenciar a creatividade que hai en Barcelona como cidade cosmopolita, dando lugar a novas ortunidades para artistas e creadores”.

Pola súa parte, Xavier Mercé subliñou que “Lugo ten proxectos ao redor da industria creativa moi importantes, nós temos certa capacidade de aportar mercado e valor engadido, eles espazos de creación, de producción e reflexión, vinculados, por exemplo ao Camiño de Santiago, e polo tanto hai posibilidade de establecer relacións que nos beneficien mutuamente, partindo dun punto sólido que nos une como é o San Froilán, no ámbito da cultura e o turismo”.

Nou Barris é un distrito de Barcelona situado no extremo norte da cidade, entre a serra de Collserola e a avenida Meridiana, composto por 13 barrios e cunha poboación de 171.000 habitantes. Trátase dun punto de acollida dunha parte importante da inmigración obreira que chegou a Barcelona durante as décadas dos cincuenta e os sesenta do século XX.

Neste 2022, este distrito barcelonés acollerá a 28 edición do San Froilán catalán, que terá lugar, do 7 ao 9 de outubro, na Praza Maior de Nou Barris,  lugar de residencia de miles de galegos e lucenses afincados na Cidade Condal.  A idea inicial da celebración era facer presente a cultura de orixe de moitos galegos chegados a Barcelona, reproducindo o estilo folclórico destas festas. Así, o programa deste ano inclúe actuacións de orquestas, xogos tradicionais, banda de gaitas, venda de productos galegos ou o izado da bandeira de Galicia, entre outras actividades.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a colaboración con Barcelona | Descargar mp3
  • Xabier Marcé, sobre a colaboración con Barcelona | Descargar mp3

Noticias relacionadas