Lara Méndez comunica á veciñanza de Recimil e Coeo que o novo paso alternativo polo que mediou o Executivo local entrará mañá en funcionamento

A alcaldesa avanzou que Adif transmitiulle que o proxecto para o paso definitivo xa conta coa aprobación técnica, polo que próximamente se iniciará proceso de licitación das obras.

A rexedora destacou que “o obxectivo de garantir a seguridade logrouse grazas á colaboración entre as e os veciños, o Goberno local e o Ministerio”.

Mércores, 08 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez comunica á veciñanza de Recimil e Coeo que o novo paso alternativo polo que mediou o Executivo local entrará mañá en funcionamento

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou está mañá a culminación dos traballos do novo paso alternativo de Recimil, que previsiblemente entrará en funcionamento a partir de mañá. Coa apertura deste itinerario provisional acádase o obxectivo do Goberno local de garantir a seguridade neste punto do municipio ata que se execute  a obra definitiva por parte do ente ferroviario. “A clausura deste paso é unha boa noticia para Lugo. A meta común era lograr que puidera ser suprimido e que, ao tempo, existira unha alternativa de tránsito que impedira o illamento dos habitantes de Recimil e Coeo. Afortunadamente, a colaboración entre a veciñanza, o Goberno local e o Ministerio, permítenos estar na posición de afirmar que o obxectivo está acadado”, afirmou Méndez.

A rexedora, acompañada polo concelleiro de Impulso Rural, Miguel Fernández, reuniuse durante a súa visita con veciños e veciñas da zona para informarlles de que, segundo prevén os técnicos de Adif, o paso actual deixará de funcionar de forma definitiva ao longo do día de mañá, cando previsiblemente entrará en funcionamento o novo itinerario.

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, puxo en valor a colaboración entre institucións. “Hoxe damos un paso máis para garantir a seguridade no paso alternativo de Recimil, unha cuestión fundamental para a veciñanza da zona, que segue a avanzar grazas á colaboración interinstitucional”, explicou Rodríguez. Nesta liña, indicou que a intención é a de acurtar prazos para a construción do paso definitivo, perseguindo “sempre o obxectivo de consolidar as conexións e facilitar a mobilidade dos lucenses coa máxima garantía, amosando que o principal compromiso tanto do Goberno central como do local, a través da súa alcaldesa Lara Méndez, é o de cumprir cos veciños e veciñas de Lugo na mellora progresiva das infraestruturas”.

Os traballos realizados por Adif ao longo dos últimos dous meses consistiron na construción dun camiño provisional paralelo á vía que conecta o punto onde se atopaba o paso a nivel clausurado con outro inferior situado a 300 metros en dirección norte. O novo itinerario conduce ata unha infraestrutura que conta coa altura necesaria para o tránsito de vehículos de grandes dimensións. Esta solución, acordada entre os representantes veciñais e os técnicos do organismo estatal no mes de agosto coa mediación do Goberno local, requiriu poñer a disposición de Adif uns 100 metros lineais de terreo, xestión que o Executivo de Lara Méndez logrou acometer nun prazo mínimo inferior a unha semana, o que permite que hoxe a mellora da seguridade nesta contorna sexa unha realidade. 

Audio

  • Lara Méndez, sobre o novo paso alternativo de Recimil | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas