Lara Méndez convida á cidadanía a participar no maratón formativo ‘Lugo con Corazón’ sobre o uso de disfibriladores

Esta actividade enmárcase na campaña posta en marcha polo executivo, a través da área de Benestar, para dar a coñecer o funcionamento destes dispositivos entre a veciñanza.

Ao longo do día, impartirase formación de xeito simultáneo en diferentes zonas da cidade. Pola mañá, na Praza Maior e Horta do Seminario e, pola tarde, en 11 prazas e parques.

Lara Méndez: “O obxectivo non é outro que contribuír a salvar vidas, para o que resulta fundamental saber manexar estes dipositivos, por iso animamos a todos a participar”.

Ao evento tamén asistirá o Presidente da Sociedade Española de Cardioloxía, Julián Pérez-Villacastín, así como persoal dos diferentes colexios sanitarios e do 061.

Lugo converteuse na cidade máis cardioprotexida do noroeste peninsular, ao triplicar o cociente español destes soportes vitais, coa instalación de 67 novos desfibriladores.

Mércores, 25 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez convida á cidadanía a participar no maratón formativo ‘Lugo con Corazón’ sobre o uso de disfibriladores

O Goberno de Lara Méndez organizará este venres un maratón formativa sobre o uso de disfibriladores destinada ao conxunto da cidadanía. Esta iniciativa, que se celebrará baixo o título de Maratón RCP, enmárcase no programa posto en marcha polo executivo municipal, dende a área de Benestar, Lugo con Corazón, “para a que destinamos preto de 150.000 euros, co obxectivo de protexer á poboación fóra do ámbito hospitalario ante posibles infartos, mediante a dotación de desfibriladores en todas as dependencias municipais, así como en diferentes prazas e espazos de uso públicos”, explicou a rexedora.

Neste senso, Lara Méndez anunciou que “hoxe mesmo comezou a instalación de 10 dispositivos que estarán a disposición dos usuarios, ante unha situación de emerxencia, nas prazas de A Milagrosa, Campo Castelo, Augas Férreas, O Castiñeiro, Fonte dos Ranchos, no entorno do parque Rosalía de Castro, da estación de ferrocarril e da ponte romana; así como nos ascensores de Fontiñas e do Sagrado Corazón”.

Estes súmanse aos 47 desfibriladores xa instalados en diferentes dependencias municipais, tanto da zona urbana como rural, que até o momento non dispoñían deles, así como aos 10 dispositivos móbiles cos que se dotou aos vehículos da Policía e outros servizos de emerxencia, e que poderán ser solicitados de xeito puntual polos colectivos e entidades da cidade.

Durante a xornada deste venres, monitores especializados impartirán formación para o uso destes aparellos de xeito simultáneo en diferentes zonas da cidade. “O obxectivo non é outro que contribuir a salvar vidas, para o que resulta fundamental saber manexar os dispositivos rcp, pois somos conscientes de que a reanimación cardiopulmonar nos primeiros minutos é imprescindible para elevar a taxa de supervivencia”, apuntou Lara Méndez, quen animou a toda a veciñanza a participar nas diferentes sesións que terán lugar ao longo do día, de forma totalmente gratuíta e sen necesidade de inscrición previa. Ao evento tamén asistirá o Presidente da Sociedade Española de Cardioloxía, Julián Pérez-Villacastín, así como persoal dos diferentes colexios sanitarios da cidade –Colexio de Farmacéuticos, Colexio de Médicos e Colexio de Enfermería– e do 061.

A formación incidirá nos seguintes aspectos: identificación dunha parada cardiorespiratoria; manobras de reanimación cardiopulmonar básica; que é un DEA?; quen pode empregalo?; que necesitamos saber?; funcionamento do equipo DESA e práctica. Cruz Vermella será a entidade encargada de pór os monitores/as con formación homologada e acreditada, e o material necesario entre o que se atopa:

  • Un  maniquí de SVB de adulto, con dispositivo de retroalimentación para calidade da  RCP.
  • Un boneco pediátrico.
  • Un simulador de  DEA de adestramento, con parches  autoadhesivos.
  • Máscaras de ventilación ou máscaras protectoras para a docencia en ventilación.
  • Esterillas para ou correcto desenvolvemento da actividade.

Programa da Maratón RCP

A inauguración da xornada será ás 13:00 horas, diante do Concello, na Praza Maior. Durante a mañá, de 13:00 a 15:00 horas, impartirase formación tanto na Praza Maior, como na Praza Horta do Seminario. Mentres que, en xornada de tarde, este maratón celebrarase de 16:00 a 20:00 horas simultaneamente nas seguintes once prazas da cidade: Praza Maior, Praza Horta do Seminario, Praza de Augas Férreas, Parque de Paradai, Praza do Camiño Primitivo, Praza Roxa, Praza do Castiñeiro, Fonte dos Ranchos, Praza das Lavandeiras, Praza da Milagrosa e no Parque do Sagrado Corazón.

Lugo, cidade cardioprotexida

A concelleira de Benestar, Olga López, subliñou que “esta será a primera das accións formativas que levaremos a cabo dende o Concello para facilitar, tanto á cidadanía como ao persoal municipal, información sobre o correcto uso e funcionamento destes dispositivos”.

“Así, nas vindeiras semanas darán comezo os cursos de manexo de desfibriladores para os traballadores do Concello, e proximamente tamén poremos en marcha novas accións de cara ao conxunto dos lucenses, co obxectivo de que todos e todas as veciñas de Lugo que así o desexen poidan ser parte activa do programa Lugo con Corazón e teñan a capacidade de axudar na reanimación ante unha parada cardíaca”, engadiu.

A edil incidiu na importancia de coñecer o funcionamento destes soportes, “porque a pronta atención nos casos de parada cardiaca é fundamental xa que as estadísticas nos din que só un 20% das persoas que os sofren chegan con vida ao hospital.”

Coa instalación de 67 novos desfibriladores, Lugo converteuse na cidade máis cardioprotexida do noroeste peninsular ao triplicar o cociente español destes soportes vitais.

Documento

 

Noticias relacionadas