Lara Méndez enxalza o patrimonio inmaterial da gastronomía lucense no II Congreso “E para comer, Lugo no Camiño”

A rexedora participaba esta mañá na segunda edición do evento ao que cualificou “como o escaparate perfecto da maridaxe que existe entre a paisaxe, a cultura, a historia e a gastronomía local”.

Sábado, 29 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez enxalza o patrimonio inmaterial da gastronomía lucense no II Congreso “E para comer, Lugo no Camiño”

A alcaldesa, Lara Méndez, acompañada pola edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira, participou esta mañá na segunda edición do Congreso “E para comer, Lugo no Camiño”, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo.

Un evento que a rexedora cualificou como “o escaparate excepcional da simbiose que existe entre o patrimonio material e inmaterial do municipio e que se reflicte nunha maridaxe perfecta entre a paisaxe, a cultura, a historia e a gastronomía, que fan de Lugo unha cidade viva e un destino auténtico, cheo de atractivos visuais e tamén sensoriais”.

Durante a súa intervención, Lara Méndez destacou a importancia que o sector hostaleiro ten para Lugo, con case 1.400 negocios integrando o sector, que supoñen en torno ao 12% do PIB local e xeran o 19% do emprego e quixo enxalzar tamén a súa fortaleza para resistir e sobrepoñerse a esta etapa de pandemia.

“Dende o minuto un o Concello quixo estar ao voso lado, dándovos apoio para que puidésedes retomar a actividade e manter os postos de traballo”, engadiu a alcaldesa, ao tempo que lembrou as iniciativas desenvolvidas como as axudas directas do Plan Reanima (5 millóns de euros) e de Recuperación Económica do Municipio (1 millón de euros), os distintos plans de formación (Lugo Seguro e Fórmate Lugo), a Plataforma Abrindo Lugo de compra anticipada, ou as campañas de dinamización dos barrios que se porán agora en marcha (1’7 millóns de euros). “Todas sufragadas con fondos estritamente municipais e que trataron de inxectar liquidez, de maneira inmediata, e de dotar de recursos ás empresas, na súa maioría pequenas e familiares, pero imprescindibles para a economía local”.

Lara Méndez rematou as súas verbas cunha mensaxe de optimismo, agardando que “a desescalada e a chegada do verán, unidas ao voso xa afamado bo facer, contribúan, de maneira segura e responsable, á que a hostalaría de Lugo, a que toda a cidade, recupere pouco a pouco a boa saúde da que gozaba antes da pandemia”, concluíu.

Noticias relacionadas