Lara Méndez impulsa o turismo a través dun convenio resaltando as potencialidades de Lugo para converterse no centro de referencia do mundo romano en Galicia

Lugo necesita o prometido museo da romanización en San Fernando - compromiso que adquiría a Xunta de Galicia pero aínda non cumpriu - sendo un obxectivo irrenunciable para a cidade.

Méndez destacou que “Lugo debería situarse como centro cultural referente do pasado romano de Galicia e do noroeste peninsular”.

Luns, 20 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez impulsa o turismo a través dun convenio resaltando as potencialidades de Lugo para converterse no centro de referencia do mundo romano en Galicia

A alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, e o Presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal (TPN), Luís Pedro Martins suman forzas para impulsar o turismo a través da firma dun convenio de colaboración entre ambas entidades que “visibilizará a riqueza patrimonial da Eurorrexión, e será unha oportunidade para potenciar Lugo como un destino de turismo sostible e de calidade” apuntaba Méndez.

Esta unión, vai ligada ca inmediata presentación de candidaturas a fondos europeos para iniciativas en materia turística ligadas á comercialización - feiras Expocidades, oficinas de turismo - , á promoción - Guía Turística e espazos virtuais -  e ao desenvolvemento de novos produtos culturais con futuro aproveitamento turístico - Vía Nova, Camiño dá Geira, Circuíto da Romanización -.

A rexedora lucense, que está a impulsar o Circuíto da Romanización co propósito de poñer en valor a riqueza histórica das cidades con pasado romano, co fin de que todas se poidan beneficiar desta ruta confía que Lugo, “pola súa importancia e albergando un patrimonio de máis de 15.000 pezas arqueolóxicas, almacenadas en distintas dependencias da cidade, sexa o epicentro sobre o que se mova este circuíto romano de Galicia e o norte de Portugal” e que, “a posta en marcha deste itinerario romano sirva para visibilizar que Lugo necesita o prometido museo da romanización en San Fernando - compromiso que adquiría a Xunta de Galicia pero aínda non cumpriu - , un obxectivo que é irrenunciable para a nosa cidade”.

Cabe lembrar que, informes realizados no marco do deseño do Circuito Gallecia, que sería o segundo gran cultural de Galicia tras o Camiño, destacaban a Lugo como punto de referencia e de partida.

“Lugo conxuga todos os ingredientes para estar na primeira liña das redes do turismo de calidade, a historia, o patrimonio, a riqueza natural e as nosas xentes atraen a visitantes de proximidade, pero tamén do mundo enteiro, nesa liña destacar os nosos tres Patrimonios da Humanidade, sen esquecer que, ademais de patrimonio arquitectónico e cultural en Lugo, tamén contamos cun excelente patrimonio natural: o 100% do noso municipio está inmerso na Reserva da Biosfera Terras do Miño” explicaba Méndez.

Durante o encontro destacaron a inmensa riqueza romana e castrexa existente na Eurorrexión, varias delas, Patrimonio da Humanidade (a Torre de Hércules, a Muralla de Lugo…). Todas teñen un gran interese cultural como a Vía Nova en cuxa recuperación e promoción están a traballar xa o Eixo Atlántico, Turismo Porto e Norte de Portugal, a Deputación de Ourense, a Câmara de Braga, o Concello do Barco de Valdeorras e o Concello de Lugo, todos do Eixo Atlántico, e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Para o presidente de Turismo do Porto e Norte, Luís Pedro Martins: “Este é un momento moi feliz, estamos a fortalecer a relación entre as dúas rexións, a aliñar as estratexias de promoción e estruturación de produtos turísticos e a valorar os territorios Transfronteirizos”.

Así mesmo, tamén se desenvolven conceptos innovadores adaptados ao territorio como foi nun o seu día o “turismo de fronteira: 2 países, 1 destino” ou, actualmente, os conceptos de “turismo de autor” e “turismo policéntrico”.

Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, que tamén asistiu á convocatoria asegurou que: “O turismo move un 8% do PIB tanto en España como en Portugal e é un dos grandes movilizadores da actividade económica e do emprego. Nestes momentos é unha das nosas prioridades xa que aínda se está recuperando da crise da pandemia, polo que apostamos forte por reforzar este sector da economía e, especialmente, nun territorio que ten grandes recursos como é o caso de Lugo, por exemplo, onde, ademais de ser Patrimonio da Humanidade é un referente de natureza na provincia e gastronómico”.

“Esta firma supón unir forzas para promover o conxunto do Eixo Atlántico aproveitando e potenciado os seus recursos pero sempre en clave de turismo sostible, non de turismo masivo”, concluíu.

Audio

  • Lara Méndez, sobre o turismo a través dun convenio | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez impulsa o turismo a través dun convenio resaltando as potencialidades de Lugo para converterse no centro de referencia do mundo romano en Galicia

Noticias relacionadas