Lara Méndez mantén un encontro cos participantes no campus Álex Llorca, “unha cita consolidada no verán lucense”

O evento está a celebrar nesta anualidade a súa 8ª edición de forma consecutiva, batendo récord de participación con 123 asistentes de Galicia, Madrid, Canarias ou Cataluña.

A rexedora agradeceu ao ex xogador do CB Breogán “que manteña a súa vinculación con Lugo e coa mocidade lucense, así como o traballo realizado ao longo da semana”.

Venres, 07 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez mantén un encontro cos participantes no campus Álex Llorca, “unha cita consolidada no verán lucense”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, mantivo un encontro este venres na Casa Consistorial cos participantes no campus de verán Álex Llorca, que está a celebrar nesta anualidade a súa oitava edición de forma consecutiva, batendo récord de participación con 123 asistentes, de entre 10 e 17 anos.

Neste senso, Méndez destacou “o arraigo co que conta xa esta iniciativa na cidade, totalmente consolidada no verán lucense, como así o indica o interese que espera entre a xuventude, chegada non só de toda a provincia de Lugo, senón tamén de Galicia e mesmo doutras comunidades como Madrid, Canarias ou Cataluña”.

Así, a rexedora agradeceu ao ex xogador do CB Breogán, Alex Llorca, “que manteña a súa vinculación con Lugo e coa mocidade lucense, así como o traballo realizado ao longo da semana, da man do director técnico, Mateo Rubio, para formar ás futuras promesas do baloncesto nacional”.

O campus deu comezo o pasado luns, 3 de xullo, e finalizará o vindeiro domingo. A parte dos moitos adestramentos dirixidos polos doce membros do staff técnico, aos que se une un fisio e un preparador físico, levan a cabo actividades de lecer, entre as que destacan as visitas as piscinas municipais de Frigsa ou ao centro deportivo Forus, ademais das gymcanas pola cidade ou a presenza de Javi Vega, capitán do Basquet Coruña. Nesta edición tamén se organizaron charlas sobre psicoloxía deportiva dirixidas por Denís Fernández ou sobre nutrición deportiva impartida pola nutricionista Nuria Callejo.

Multimedia

  • Lara Méndez mantén un encontro cos participantes no campus Álex Llorca, “unha cita consolidada no verán lucense”

Noticias relacionadas