Lara Méndez reúnese coa veciñanza de Albeiros polas ocupacións ilegais, coa que acordou accións de apoio e información

A Alcaldesa de Lugo incidiu na necesidade de que as Administracións traballen unidas, cada unha no marxe das súas competencias e sen xerar crispación por motivos partidistas, para atallar este fenómeno.

Así mesmo, a rexedora amosoulles o apoio do concello a súa iniciativa de presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular para pedir mecanismos máis áxiles.

Méndez promoverá nos vindeiros días unha xuntanza coa Subdelegación do Goberno e a veciñanza para articular accións de coordinación e informativas más próximas, a pesar de que a Xunta ten un teléfono a nivel Galicia para ofrecer información.

Sábado, 17 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez reúnese coa veciñanza de Albeiros polas ocupacións ilegais, coa que acordou accións de apoio e información

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo un encontro coa veciñanza de Albeiros, que recentemente se mobilizou ante un caso de ocupación ilegal e amosoulles a preocupación do Concello ante “estas situacións que xeran moito medo, preocupación e incertidume entre os afectados. Sempre dixen que aínda que este fenómeno non é igual en cada vivenda, só con que exista un caso para nós é un motivo de inquietude”.

Neste senso, a rexedora incidiu en que todas as Administración deben colaborar e traballar unidas para dar resposta, cada unha no seu ámbito competencial, para darlle solución e poder atender á nosa veciñanza nun momento no que necesita respaldo e non máis crispación e accións partidistas para sacar rédito político”.

Neste sentido, lembrou que a Xunta é a que ten as competencias en vivendas, “e Lugo é unha cidade moi deficitaria en parque de vivenda pública que leva anos sen ampliarse o que deixa desamparada ás familias con menos recursos, e tamén debe actuar nos temas de menores cando son familias con nenos as que ocupan”, mentres que as competencias en seguridade son do Goberno central.

“Nos mantenmos xa unha coordinación permanente coa subdelegacion de Goberno nas actuacións de desaloxo entre Policía Local e Nacional, e tamén na vixilancia dos barrios, e activamos os servizos sociais para poder atender ás persoas que ocupan vivendas e están en situación de vulnerabilidade”, comentou, “polo que temos recursos para actuar dunha maneira unida todas as Administracións, e desde o Concello tomaremos todas as medidas que estean na nosa man para tratar de atallar este tipo de actos”, afirmou.”

Na reunión estaban presentes á presidenta de asociación do barrio, Belén Ramos, e PabloBargados, veciñoda zona, ambos os dous impulsores de activar unha Iniciativa Lexislativa Popular para propoñer una lexislación máis áxil ante o fenómeno ocupa, iniciativa que a rexedora xa lles adiantou que contará co apoio do Concello.

Lara Méndez deu conta de que, se ben estes procesos de desaloxo resultan inmediatos para as primeiras e segundas vivendas, naqueles casos nos que se trata de casas ou pisos abandonados a resolución se dilata máis, “por iso non dubidaremos en instar ás autoridades pertinentes a axilizar esta tramitación co fin de que as e os afectados poidan recuperar aqueles bens que lles foron usurpados dunha maneira ilexítima”, concluíu a rexedora.

A rexedora anunciou tamén que “á vista de que existen contornas máis sensibles a esta problemática, o Concello de Lugo promoverá nos vindeiros días unha xuntanza coa Subdelegación do Goberno co fin de estudar a posibilidade de reforzar os  operativos policiais así como de pór en marcha acción informativas e de asesoramento nos barrios “para que non quede ningún veciño sen información de cales son os recursos a súa disposición ante un caso de ocupación”.  “Resulta fundamental que a propiedade denuncie para que se inicie de inmediato o procedemento xudicial por ser este, en última instancia, o que determina a orde de desaloxo”, comentou.

“Esta información xa a estamos a facilitar cando así nolo solicitaban pero que trataremos de facer chegar dunha maneira máis directa á poboación, a pesar de que tamén existe unha oficina creada pola Xunta de Galicia ex profeso para esta cuestión”, lembrou.

Noticias relacionadas