Lara Méndez reúnese cos barraquistas na procura dunha solución que lles permita traballar no San Froilán

A alcaldesa mantivo esta mañá un encontro, a instancias do propio sector, para contrapor as expectativas do colectivo cos medios públicos que existen en Lugo para velar porque as festas se desenvolvan con totais garantías sanitarias.

Venres, 24 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez reúnese cos barraquistas na procura dunha solución que lles permita traballar no San Froilán

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, mantivo esta mañá unha reunión no Concello cos representantes dos barraquistas que piden poder instalarse en Lugo durante o San Froilán e á que acudiu acompañada polo tenente de alcaldesa e portavoz do Goberno local, Miguel Fernández.

Un encontro que se produce “a instancias das peticións do sector na procura de solucións para, como dende o primeiro momento - manifestou Lara Méndez - era a nosa vontade, se puidera compatibilizar a necesidade que teñen de retomar a súa actividade e a dinamización económica do municipio coa seguridade e a saúde pública que é a nosa principal preocupación”.

Así, a alcaldesa lucense referiu que “a xuntanza, que se desenvolveu nun clima cordial e de entendemento, posibilitou o intercambio de pareceres entre as expectativas dos empresarios e as restricións de aforo que impón a normativa autonómica, tratando de buscar alternativas que concilien o seu dereito a traballar cos medios e as dotacións das que dispoñemos as administracións para velar porque isto suceda sen contravir os protocolos Covid en vigor e con totais garantías para a poboación”, sinalou Lara Méndez.

A rexedora avanzou tamén que o Executivo analizará as propostas do colectivo “co obxectivo de, como fixemos noutras ocasións como puido ser esta pasada fin de semana no Caudal Fest, durante o Arde Lucus ou coa celebración de numerosas probas deportivas na cidade, ir recuperando a normalidade que tan necesaria é para a recuperación dos concellos dende o punto de vista económico pero tamén social”.

“Unha meta na que cómpre traballar sempre, sempre, sempre con responsabilidade e na que o diálogo debe ser a ferramenta na que se apoie a nosa capacidade de xestión”, concluíu Lara Méndez.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a reunión cos barraquistas | Descargar mp3

Noticias relacionadas