Lara Méndez supervisa a montaxe do recinto do Caudal Fest, que dará comezo mañá co patrocinio principal do Concello de Lugo

A cita reunirá a máis de 5.000 persoas ao longo de tres días, reducindo o seu formato e adecuándose á actual situación sanitaria.

Lara Méndez: “Esta edición será especialmente importante para seguir fomentando a cultura segura, a industria cultural e a economía da cidade”

O recinto estará dividido en sectores para garantir a seguridade dos asistentes, tendo cada zona os seus propios accesos, baños, barras, foodtrucks, etc.

Mércores, 15 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez supervisa a montaxe do recinto do Caudal Fest, que dará comezo mañá co patrocinio principal do Concello de Lugo

A alcaldesa, Lara Méndez, supervisou este mércores a instalación do recinto que acollerá a terceira edición do Caudal Fest para coñecer in situ como evoluciona a súa montaxe. Fíxoo acompañada dos edís de Medio Ambiente, Miguel Fernández; Desenvolvemento Local, Ana Abelleira; e Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto. O evento, que dará comezo mañá, conta co patrocinio principal do Concello de Lugo e reunirá a máis de 5.000 persoas ao longo de tres días, reducindo o seu formato e adecuándose á actual situación sanitaria.

Neste senso, a rexedora explicou que “será un evento no que se garantirán todas as medidas de seguridade e prevención, seguindo a normativa vixente con motivo da Covid-19. Deste xeito, contará cun formato terraza, é dicir, os asistentes gozarán do espectáculo sentados e con mesas e cun aforo limitado”.

O recinto contará cun escenario no que actuarán un total de 11 bandas repartidas entre xoves, venres e sábado: Love of Lesbian, La M.O.D.A, Nathy Peluso, Iván Ferreiro, David Prado, Sen Senra, Shinova, Verto, Bad Gyal, Kutxi Romero e Ladilla Rusa.

“Para o executivo municipal traer un festival destas características foi unha aposta clara e decidida dende o primeiro momento, hoxe podemos dicir que imos a celebrar a súa terceira edición, a pesar dos condicionantes e de que non será unha edición como as anteriores resulta especialmente importante para seguir fomentando a cultura segura, a industria cultural e tamén para seguir dinamizando economicamente a cidade”, apuntou Lara Méndez.

O recinto estará dividido en varios sectores para garantir a seguridade dos asistentes, tendo cada zona os seus propios accesos, baños, barras, foodtrucks, etc. e sendo independentes entre si. A circulación estará organizada e sinalizada con carrís separados de acceso e saída, control da distancia de seguridade, e instalaranse puntos de desinfección de mans con dispensadores de xel hidroalcohólico.

O formato do evento distribúe ao público de cada sector en butacas con mesas por grupos de 1 a 6 persoas conviventes como máximo, respectando en todo momento a distancia de 1,5 m entre os grupos de non conviventes.

Ademais das actuacións, ofrecerase un servizo de hostalería cun estrito protocolo de seguridade adecuado á lexislación vixente. Haberá unha app para que o público poida realizar o pedido das consumicións desde a súa localización reducindo ao máximo os fluxos de persoas no recinto. Fixaranse no chan marcas indicando cal debe ser a distancia interpersoal nas colas e o persoal velará polo cumprimento das normas. Cada sector de público dispoñerá do seu propio servizo de barras.

A validación das entradas comezará unha hora antes do evento e realizarase con ferramentas de tecnoloxía “sen contacto”. Ademais, tomarase a temperatura a todos os asistentes. Así mesmo, no acceso ás instalacións dispoñerase dun punto de hixiene, así como cartelería que informe sobre as recomendacións de seguridade.

Realizarase unha desinfección antes e outra despois de cada xornada de todo o recinto, tendo especial coidado nas zonas comúns como os baños, entrada e saída de asistentes, as áreas de traballo como as barras e oficinas e o material utilizado polos artistas no escenario.

Horario das actuacións

Xoves 16

Apertura de portas: 18:00h

  • 19:20-20:00h: David Prado
  • 20:20-22:00h: Iván Ferreiro
  • 22:30-00:30h: Love of Lesbian

Venres 17

Apertura de portas: 17:00h

  • 18:10-19:10h: Toundra
  • 19:40-20:50h: Shinova
  • 21:20-22:30h: Sen Senra
  • 23:00-00:30h: La M.O.D.A.

Sábado 18

Apertura de portas: 17:00h

  • 18:00-19:00h: Kutxi Romero
  • 19:30-20:30h: Ladilla Rusa
  • 21:00-22:10h: Bad Gyal
  • 22:50-00:30h: Nathy Peluso

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a montaxe do Caudal Fest | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez supervisa a montaxe do recinto do Caudal Fest, que dará comezo mañá co patrocinio principal do Concello de Lugo

Noticias relacionadas