Lugo converterase esta fin de semana na capital mundial da recreación histórica da loita de gladiadores

A cidade acolle por primeira vez o Entreno Nacional de Gladiatura, unha cita impulsada pola asociación Caetra Lucensivm co apoio do Concello que ten como obxectivo intercambiar experiencias para mellorar a recreación histórica desta práctica

Ademais de adestramentos na Casa da Xuventude, abertos ao público, o encontro inclúe conferencias de dous expertos na gladiatura e unha exposición no Porta Miñá sobre gladiadores retiarios

Luns, 11 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo converterase esta fin de semana na capital mundial da recreación histórica da loita de gladiadores

Lugo converterase esta fin de semana na capital mundial da recreación histórica da loita de gladiadores coa celebración do Entreno Nacional de Gladiatura, unha cita impulsada pola asociación Caetra Lucensivm co apoio do Concello, dentro da programación Lvcvs Cultural previa ao Arde Lvcvs, que ten como obxectivo intercambiar experiencias e técnicas de combate para mellorar a recreación histórica desta práctica. Será a primeira vez que este encontro teña lugar en Lugo despois de celebrarse nas súas dúas primeira edicións en Madrid e Tarragona.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e Javier Romai, integrante de Caetra Lucensivm, presentaron o evento, xunto a Fernando Barriales, un dos expertos que impartirá unha conferencia, ademais de montar no Porta Miñá unha exposición sobre gladiadores retiarios.

O III Adestramento Nacional de Gladiatura arrancará de feito o venres cunha charla de Barriales, ás 20.00h, no patio central do Vello Cárcere, sobre a evolución do retiario. O sábado, ás 10:00 horas, no Vello Cárcere, terá lugar unha charla sobre as tipoloxías de gladiadores e as súas técnicas de combate segundo as fontes clásicas, a cargo de Alfonso Mañas, doutor en historia do deporte. Posteriormente, ás 11:30 horas, celebrarase unha sesión práctica aberta ao público na Casa da Xuventude, que se reanudará ás 16:30 horas. Participarán integrantes de sete asociacións de recreación histórica de toda España: Ludus Vulcanum, Tarraco Ludus, Gesta Gladiatoria, Lacinia Gladiatoria, Lucus Antiquus, VI Victrix e Caetra Lucensivm. Ás 19:00 horas, Fernando Barriales ofrecerá outra charla sobre a historia de Borea. A xornada do sábado péchase cunha cena de confraternidade. O domingo haberá outra visita á cidade e unha comida de despedida.

Audio

  • A edil Carmen Basadre, sobre o Entreno Nacional de Gladiatura | Descargar mp3

Noticias relacionadas