Lugo e Ferrol celebran o 20 aniversario do seu irmandamento reivindicando o papel dos concellos na loita contra a pandemia

Lara Méndez e Ángel Mato copresidiron os actos do Día do Ferrol, que arrincaron cunha recepción na Casa Consistorial, seguida dunha comida de confraternidade

Ambos os dous rexedores destacaron a necesidade de avanzar na transformación dixital e ecolóxica, “onde hai que valorar os pasos decididos que está a dar Lugo como cidade sostible”, segundo destacou o alcalde ferrolán

A alcaldesa de Lugo entregou ao pobo de Ferrol un magnolio, que Mato se comprometeu a plantar no Cantón, “no corazón da nosa cidade”

Martes, 13 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo e Ferrol celebran o 20 aniversario do seu irmandamento reivindicando o papel dos concellos na loita contra a pandemia

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu este sábado os actos institucionais dedicados ao Día de Ferrol no marco das festas patronais do San Froilán, que arrincaron coa tradicional recepción na Casa do Concello e continuaron cunha comida de confraternidade. Xunto á rexedora, copresidiu a xornada o mandatario ferrolán, Ángel Mato, que se desprazou ata Lugo acompañado doutros membros da Corporación Municipal da cidade departamental.

A alcaldesa lembrou que “este é un ano especial, pois cúmprese o 20 aniversario do irmandamento oficial entre ambas cidades, pero tamén pola situación sanitaria que estamos a atravesar, que nos impide festexar esta efeméride como nos gustaría, a carón da veciñanza”.

Durante a recepción, os rexedores de Lugo e Ferrol, reivindicaron o papel dos municipios na loita contra a pandemia da Covid-19. “Nun momento tan complexo como o que atravesamos, debido á pandemia, os concellos desenvolvemos desde o primeiro momento e estamos aínda a  desenvolver un papel especialmente determinante, actuando na contención da pandemia pero tamén traballando para paliar a crise social e económica derivada da emerxencia sanitaria”, sostivo Lara Méndez, e lembrou “que actuamos con recursos propios, en moitos casos cubrindo déficits doutras administracións”.

“As administracións locais non só somos unha peza fundamental para a contención da pandemia, en colaboración coas autoridades sanitarias, senón tamén para a posta en marcha de iniciativas coas que paliar os efectos económicos da crise actual”, engadiu a rexedora. Por iso, volveu a reivindicar que os Concello estean nas tomas de decisión políticas e no reparto dos recursos no proceso de reconstrución.

A alcaldesa incidiu en que é un momento determinante para realizar “transformacións reais nas nosas cidades, e esas pasan por avanzar nos municipios ecolóxicos, sostibles e resilientes, un modelo polo que está a apostar Lugo con iniciativas de vangarda, así como pola dixitalización, ambas as dúas son claves para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza e xerar novas economías verde e mellor conectadas”.

Tamén Angel Mato destacou a sustentabilidade e a dixitalización como chaves de futuro e felicitou  a Lugo “polos avances decididos que está a dar neste campo”. Ademais, puxo en valor o papel que está a xogar Europa na reactivación económica.

Ambos os dous representantes reivindicaron, un ano máis, as infraestruturas por estrada e ferroviarias para Lugo e Ferrol, xa que, dixeron, os pasos que se están a dar son insuficientes e non “podemos quedar desconectados”. “É tamén un xeito de garantir que todos teñamos os mesmos dereitos á marxe de onde residamos”, comentou o rexedor de Ferrol.

Intercambio de agasallos

Finalizadas as intervencións, Méndez e Mato intercambiáronse distintos agasallos. O Concello de Ferrol entregou ao de Lugo unha figura da porta do estaleiro Navantia de Sargadelos e un libro biográfico de Concepción Arenal da autora Anna Caballé.

O Concello lucense agasallou ao pobo de Ferrol cun magnolio, “que representa a nosa aposta decidida por unha cidade verde, sostible e menos contaminante, pero que tamén ten un carácter simbólico xa que representa a afouteza e o crecemento nun ano tan difícil para os cidadáns”. O alcalde de Ferrol se comprometeu a plantalo no Cantón de Lugo, “no corazón da nosa cidade”. Ademais, Lara Méndez fixo entrega aos membros da Corporación dun multicargador, “para cargarnos de forza e boas enerxías. É un agasallo que vai ligado ao modelo de cidade adaptada á era dixital que queremos conseguir. Estamos a traballar para que a tecnoloxía se poña ao servizo dos veciños e veciñas e aporte un valor engadido á súa vida cotiá, apuntou.

Multimedia

  • Lugo e Ferrol celebran o 20 aniversario do seu irmandamento reivindicando o papel dos concellos na loita contra a pandemia

Noticias relacionadas