Lugo, entre os destinos turísticos máis económicos de España segundo o comparador de prezos Trivago

“Esta distinción servirá para reforzar o incremento de viaxeiros que recibiu Lugo no último ano, no que máis de 40.600 visitantes pasaron pola Oficina de Turismo Municipal, un 5% máis que o ano anterior”, asegurou Carmen Basadre

Venres, 15 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Vista aérea

O comparador de prezos de hoteis e viaxes www.trivago.es vén de declarar a Lugo como un dos destinos máis económicos de España para viaxar en xaneiro. Esta plataforma, que conta con máis de 3 millóns de seguidores nas redes sociais e que opera en máis de 20 países, está inmersa nun proxecto para impulsar o turismo nos destinos con prezos máis adsequibles, entre os que se atopa Lugo.

“Esta distinción servirá para reforzar o incremento de viaxeiros que recibiu Lugo no último ano, no que máis de 40.600 visitantes pasaron pola Oficina de Turismo Municipal, un 5% máis que o ano anterior, e súmase ao recoñecemento de Destino Recomendado 2014 que tamén lle outorgara Trivago a cidade”, asegurou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre.

Neste ránking recoñécense os 7 lugares con prezos máis económicos ao tempo que se promoven as atraccións turísticas de cada destino. En Lugo, Trivago ademais de destacar o prezo económico dos seus aloxamentos, dun mínimo de 36 euros a noite, pon en valor o seu patrimonio histórico, a Muralla Romana, a igrexa de San Pedro, as termas romanas, a Ponte Romana e a fachada do Concello; así como a gastronomía e as tabernas. Ademais de Lugo, atópanse nesta lista León, Coruña, Castellón, Lleida, Murcia e Badaxoz.

Noticias relacionadas