Lugo reivindicará este sábado o valor da literatura para a sociedade coa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria

O Concello colabora coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega con este evento, que acollerá a Casa do Saber mañá a partir das 19:00 horas, dentro da súa aposta por visibilizar a tradición e a cultura galega

Venres, 18 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo reivindicará este sábado o valor da literatura para a sociedade coa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e dous representantes da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Antonio Reigosa e Isidro Novo, presentaron este venres no Salón de Plenos a primeira edición da Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, que co lema Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral, acollerá a Casa do Saber de Lugo mañá sábado, 19 de marzo, a partir das 19:00 horas, a xornda previa ao Día da Narración Oral. O Concello colabora coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega neste encontro posto que se enmarca na súa aposta por visibilizar ante a sociedade o valor da literatura.

Durante a presentación, a Concelleira, quen se mostrou satisfeita e orgullosa de que Lugo acolla esta gala, lembrou que en Galicia aínda non está rematada nin aprobada a Lei do Patrimonio Cultural, que nela estaría incluído o patrimonio cultural inmaterial. Neste senso, insistiu na importancia da entrega destes premios para lembrarlle ás administracións que teñen competencias nesta materia, que “estamos aquí, que estamos agardando por esta lei”. A edil tamén fixo fincapé na importancia das novas tecnoloxías para conservar a través delas “a nosa memoria, as nosas tradicións e a nosa cultura e para que os mozos e mozas coñezan a nosa tradición”.

Neste senso tamén incidiu Reigosa, quen recalcou que o anteproxecto da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia ten un capítulo dedicado ao patrimonio cultural inmaterial, no que se recolle a figura de mestre e mestra, “co cal parece que estas catro edicións dos premios puideron ter algunha influencia”.  Dende a AELG quixeron mostrar o seu agradecemento a Lugo “tanto polo apoio institucional como polo que leva aportado á tradición oral galega”.

O obxectivo desta gala é entregar os galardóns que se concede a informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da cultura popular tradicional. A cuarta edición destes premios, que teñen como singularidade a celebración de dita gala, serán entregados a  Dolores Macías Pose e Mini (Xosé Luis Rivas Cruz) e Mero (Baldomero Iglesias Dobarrio). A gala estará amenizada polo grupo de gaiterios Lúa chea de San Xoán e o acordeonista Eloi Mato ou Francisco Almuíña, entre outros. 

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria |Descargar mp3

Multimedia

  • Lugo reivindicará este sábado o valor da literatura para a sociedade coa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria
  • Lugo reivindicará este sábado o valor da literatura para a sociedade coa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria

Noticias relacionadas