Lugo reunirá esta fin de semana a máis de 250 bailaríns no IX Festival Internacional TangoLiber

Concello e Deputación de Lugo colaboran con esta nova edición dun evento que reúne a importantes figuras e amantes do Tango. Celebrarase dende o xoves 19 ao domingo 22, e incluirá: milongas, seminarios e clases deste estilo musical

Mércores, 18 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo reunirá esta fin de semana a máis de 250 bailaríns no IX Festival Internacional TangoLiber

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, a Deputada de Cultura, Pilar García, a Secretaria da Asociación Cultural Tango Club Galicia, Alejandra Botigué, o presidente do Círculo das Artes, Miguel Caraduje, e outras autoridades presentaron este mércores, no Círculo das Artes de Lugo, o IX Festival Internacional Tangoliber, que reunirá a máis de 250 amantes do tango chegados de todo o mundo. Celebrarase, coa colaboración do Concello e da Deputación de Lugo, dende o 19 ata o 22 de xullo e entre os participantes, atópanse bailaríns de referencia como poden ser os campións do mundo de tango Maximiliano Cristiani ou Maria Inés Bogado.

No acto, Ana Abelleira amosouse orgullosa de que Lugo acolla un ano máis este festival, de carácter internacional, e desta calidade. Así mesmo remarcou que se "trata dun evento que da boa conta da diversidade e interculturalidade que posuímos en Lugo", ao tempo que chamou a participar nesta cita lúdica, que vén a completar a ampla a programación que hai na cidade ao longo do verán, que vai dende concertos a excursións, pasando por distintas actividades de cultura urbana.

Pola súa banda, Pilar García explicou que "estamos a falar dunha importante cita cultural, que achega un dos estilos de baile máis importante do mundo aos lucenses, á vez que atrae a máis de 250 persoas que durante 4 días visitarán e coñecerán a cidade de Lugo, situándoa dentro do circuíto internacional do tango.” A Deputada convidou a todos os lucenses e visitantes a participar neste evento que inclúe actividades gratuítas e abertas, que os pode levar a descubrir un novo estilo de música e baile”.

O IX Festival Internacional Tango Liber

A novena edición deste festival, que comezará o xoves, contará con actividades que inclúen: milongas, seminarios de tango, almorzos, clases ou unha actividade de tangoterapia. As actividades, que terán lugar no Pazo de San Marcos, a Praza Maior, o Gran Hotel e o Círculo das Artes, serán tanto de pago coma gratuítas. O programa das actividades é o seguinte:

Xoves 21 de xullo

-De 20:00 a 23:00 horas: Milonga de Benvida musicalizada por Magín Daniel López e Presentación do Festival na sala de exposicións da Deputación de Lugo. Actividade aberta e gratuíta.

Venres 22 de Xullo

-De 16:00 a 21:30 horas: Milonga de tarde musicalizada por Jose Guilherme na sala de Exposicións da Deputación de Lugo. Actividade aberta e gratuíta.

-De 19:00 a 20:00 horas: Tangoterapia impartida polo psicólogo Julio Corredoira na sala de Exposicións da Deputación de Lugo. Actividade aberta e gratuíta.

-De 23:00 a 4:00 horas: Gran Milonga del Viernes con exhibición de Karina Colmero e Maximiliano Cristiani musicalizada por Mª Carmen Villafuente no Salón Rexio do Círculo das Artes. Actividade para participantes con inscrición.

Sábado 23 de Xullo

-De 11:30 a 14:30 horas: Seminarios de Tango no Gran Hotel Lugo. Actividade para participantes con inscrición.

-De 16:00 a 19:00 horas: Milonga de tarde musicalizada por Francisco Serrano na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo. Actividade aberta e gratuíta.

-De 16:30 a 21:30 horas: Seminarios de Tango no Gran Hotel Lugo. Actividade para participantes con inscrición.

-De 23:00 a 4:00: Gran milonga de Tango Club Galicia con axhibiciónde Maria Iner Bogado y Roberto Zuccarino musicalizada por Victor Ariel Yuryevic no Salón Rexio do Círculo das Artes. Actividade para participantes con inscrición.

Domingo 24 de Xullo

-10:00 a 14:00: Seminario especializado de Tango no Gran Hotel Lugo. Para participantes con inscrición.

-12:00 a 14:00: Milonga na Praza Maior musicalizada por Magin Daniel Lopez. Actividade Aberta e Gratuíta.

-14:30 a 20:30: Comida y Milonga Despedida no Gran Hotel Lugo musicalizada Por Víctor Ariel Yuryevic. Actividade para participantes con inscrición.

Noticias relacionadas