Lugo10 e Larsa apostan pola Muralla Romana

Xoves, 25 de novembro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Durante todo o mes de novembro, Lugo10 estará presente en campaña televisiva

Cúmprense dez anos dende a declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial. Unha data moi especial para a cidade, que está a celebrar durante todo este ano múltiples actividades culturais, deportivas, artísticas, sociais o medioambientais, a través da marca Lugo10.

A empresa Larsa quixo sumarse a este programa de actividades, conmemorativas do Décimo Aniversario, distribuíndo envases conmemorativos (briks) nas súas tres variedades de leite, e que terán a imaxe da Muralla de Lugo e o logotipo da marca Lugo10.

Ademais, Larsa decorará a súa factoría de Lugo cunha lona na súa fachada principal coa mesma creatividade, así como Mupis, e varias campañas publicitarias en medios de comunicación como un spot televisivo ou a proxección da marca Lugo10 a través de prensa escrita.

LARSA únese ao Programa Lugo10

Lugo10 fixo a súa presentación oficial o 11 de xaneiro cunha espectacular gala celebrada no Círculo das Artes. A partires deste intre, a marca Lugo10 estivo presente en Internet e as redes sociais a través da páxina web www.lugo10.es. Tivo a súa presenza en FITUR, e no mes de marzo organizou a I Subida Muralla de Lugo coa Escudería Miño. En abril houbo música da man dos Secretos, no Auditorio Gustavo Freire, e moda, coa celebración da Gala Muralla Moda 2010 que acadou unha gran repercusión mediática. Xuño e Xullo ofreceu aos lucenses e visitantes jazz nas rúas así como a posibilidade de coñecer a historia romana da cidade a través das Xornadas sobre Romanización. Lugo10 ademais estivo presente durante estes meses en toda a cidade a través de moitas actividades como Breackdance nas rúas, exposicións (“Orígenes”, “Miradas, tramas, expresións e realidades”), visitas teatralizadas no centro histórico ou a celebración da Gala de Danza Lugo10, celebrada o 4 de xuño no Auditorio Gustavo Freire, e que acadou un gran éxito.

Máis de 800 persoas participaron nas actividades de Lugo10 Lugoteando, celebradas no río Miño, e preto de 10.000 foron as que visitaron o Barco Muralla de Lugo, unha aula turístico-medioambiental móbil e pioneira en España que a Deputación de Lugo puxo en marcha para homenaxear a Muralla lucense polas principais cidades españolas. E coma non podería ser doutro xeito, Lugo10 non podía esquecer unha cita histórica, a celebración da final do Mundial de Sudáfrica España-Holanda, que compartiu con todos os afeccionados na Praza de Santa María.

Varias empresas quixeron sumarse a esta celebración como Coca-Cola, que fixo a súa particular homenaxe a Muralla lucense cunha botella conmemorativa, da que se fixeron dúas tiradas de 3.000 unidades e que aínda hoxe poden conseguir os visitantes do Centro de Interpretación da Muralla, da Casa dos Mosaicos e do Museo Arqueolóxico de San Roque.

Dende Lugo 10 tamén se quere apoiar aos novos talentos. Así, músicos, actores ou directores de cine teñen a oportunidade de participar no Concurso Nacional de curtametraxes e maquetas Lugo10 que organiza a Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, e que está dotado con 9.000 euros en premios.

Lugo10 segue a estar presente nas rúas; un colorido logo de Lugo10 en flores dan a benvida a zona da Mosqueira, 34 autobuses da empresa Monbus locen a marca Lugo10 polas estradas, rueiros da cidade, 5.000 exemplares coa información sobre os restaurantes do centro histórico e os hoteis de Lugo así coma mupis nas principais rúas da cidade ou os laterais das novas máquinas da ORA.

Dende a concesión da marca Lugo10, todas as actividades realizadas dende o Concello contan coa súa presenza. Unha marca que ten vocación de continuidade e que se manterá unha vez rematado o ano 2010 i e que Lugo10 no só homenaxea o Décimo Aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio Mundial, senón que expresa a idea dun Lugo moderno, dunha cidade excelente e con xente que merece un 10.

Lugo10 conta coa colaboración e patrocinio de o Concello de Lugo, a Deputación de Lugo, Laboratorios Nupel, Emetel, Urbaser, Telefónica, Gestagua, Calfensa, Fundación Azkar, Asogal Construcciones, Monbus, Cociñas Lareira, Transportes Valín, Ministerio de Cultura, Ministerio de Fomento-IGN, Correos, Coca-Cola, ONCE, Fundación César Egido Serrano, Mod Producciones, El Progreso, La Caixa, Caixa Galicia, La Voz de Galicia, o Xacobeo, INPE e Larsa.

LARSA

LARSA é líder no segmento do leite en brik da rexión e a única empresa láctea que fabrica iogures en Galicia, onde lidera as vendas deste produto. LARSA é o maior anunciante lácteo galego cunha factoría produtora de leite en Lugo e outra encargada da produción de iogures e queixos en Vilagarcía de Arousa. Os produtos LARSA están a recibir o recoñecemento nacional e internacional nos máis prestixiosos certames agroalimentarios. LARSA experimentou unha modernización no seu posicionamento como marca saudable de Galicia que se adapta aos novos estilos de vida dos galegos.

www.lugo10.es

 

Multimedia

Noticias relacionadas