Máis de 30 actividades activan o Entroido de 2020, organizado polas áreas de Cultura e Participación

As actividades comezarán o vindeiro martes 18, e estenderanse ata o 26 de febreiro, e contará coa colaboración da Tradescola e da Asociación Pepe Barrerio

O actor e comunicador Alberte Cabarcos será o encargado de dar o pregón o 21 de febreiro

Venres, 07 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máis de 30 actividades activan o Entroido de 2020, organizado polas áreas de Cultura e Participación

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, xunto coa concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López e Mónica Fernández representando á Tradescola presentaron a programación das festas de Entroido do 2020, que terán lugar do 21 ao 26 de febreiro.

“Dende a área de Cultura cremos que o Entroido, se miramos a historia, era unha festa para sacar esa parte oculta que tiñan as persoas nos tempos nos que a liberdade era unha cousa preciada e todas intentabamos ser aquilo que no resto do ano non nos atreviamos a ser” indicou Maite Ferreiro. A edil de Participación, cristina López, destacou que “neste Entroido imos encher a Praza de Abastos e o Mercado Municipal de actividades”.

A programación organizada pola área de Cultura comezará o 18 de febreiro, con actividades previas ao Entroido organizadas pola Tradescola. A partir das 16:30, na Tradescola (Pintor Corredoira, 4), a Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao realizará unha palestra baixo o título “Coñece o Entroido Ribeirao”, a partir das 18:00, O Folión de Entroido percorrerá as rúas dende a Tradescola á Praza Maior. O 20 de febreiro, a Asociación Cultural Pepe Barreiro organiza no Vello Cárcere a palestra – coloquio “Pepe Barreiro e o Entroido”, a cargo de Germán Barreiro González.

O Entroido comezará o venres 21 de febreiro, co Mercado Tradicional de Entroido no Mercado e na Praza de Abastos de 09:00 a 14:00 horas, e amenizado pola murga Os Virtuosos do Tinto, que terá lugar tamén o luns 24.

O Venres 21, o actor e comunicador lucense Alberte Cabarcos, será o encargado de dar o pregón, abrindo oficialmente as festas. A partir das 20:30, as charangas Tambukada e Ars Nova amenizarán o recinto histórico, e ás 20:45 comezará o Entroido escénico “Quérete”, pola compañía de teatro Down Lugo e Cia.

O sábado 22, o Mercado e a Praza de Abastos acollerán, de 10:00 a 14:00 unha degustación de produtos tradicionais de Entroido, amenizado pola murga Os Virtuosos do Tinto, que a partir das 13:00 realizarán un pasarrúas pola praza da Soidade, rúa Nova, Tinería, rúa do Miño e praza do Campo, rematando na rúa Nova. Durante todo o día, de 10:00 a 20:00, terá lugar a Carreira de Tronos, Escape Room Exterior, que comezará na ronda de Fontiñas, e percorrerá rúas do centro da cidade. Cada quenda, que terán lugar de 10:00 a 15:00 horas, terá de 4 a 9 participantes, e será preciso inscribirse no 010. Os menores deberán ir acompañados por un adulto.

Ás 12:30 arrancará dende a praza de San Marcos ata a praza Maior o espectáculo de rúa para público familiar “Hakuna Matata”. A partir das 13:00, Palimocos e Cía representará no fondo da praza maior “Eu non quero máis que unha man, unha man ferida se é posible”.

A partir das 17:00 terá lugar o Gran Concurso de Disfraces (infantil). Os participantes deberán concentrarse na praza da Soidade media hora antes do desfile, que presidirá a charanga VK Pinta, e percorrerá as rúas Antón Fraguas, Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Raíña e rematará na Praza Maior. As inscricións deberán realizarse nas oficinas da área de Cultura antes das 14:30 do venres 21. O xurado, que estará formado por persoas de recoñecido prestixio e vinculación coa cultura, repartirá premios en categorías individual (100, 75 e 50 euros), parellas (150, 120 e 90 euros) e comparsas (225, 175, 140 euros), que serán entregados dous vales, un por un lote de libros, que pode incluír material escolar ou de papelería, e outro para actividades de ocio e tempo libre, que se poderán canxear na sala Enigma ou no espazo Hakuna Matata. Durante a deliberación do xurado, Isla Le Triska realizará un espectáculo de clown e malabares para toda a familia.

Ás 20:30 sairá dende o fondo da praza Maior, o Entroido escénico “uns pican e outros non” a cargo do grupo Achádego Teatro. Ademais, polas rúas do centro actuará a charanga Terra Chá, e por Campo Castelo, San Pedro e a praza Mártires de Carral, a charanga Unión Phenosa. A partir das 23:00, a praza da Soidade acollerá a sesión DJ de Dub Mono HiFi Soundsystem & Helenoise Outta Udog.

O domingo 23 comezará coa actuación do grupo tradicional Caivanca polo recinto histórico, a partir das 13:00, no barrio da Ponte, ata o desvío da estrada de Portomarín, actuará o grupo tradicional Son de Lugh.Ás 20:00, a Praza de Abastos acollerá a festa de remate da Carreira de Tronos, Escape Room Exterior. A partir das 20:30, a charanga Amigos de Manolo actuará polo recinto histórico.

O luns 24, a partir das 13 horas, o recinto histórico acollerá a actuación de Cántigas e Frores. A partir das 18:30, Os Pinchacarneiros representarán O Entroido Pícaro, e a partir das 19:00, realizarase na Praza de Abastos unha Festa de Disfraces. Ás 19:30 a charanga Os Jaláticos comezará na praza da Milagrosa, pasando polo barrio da Piringalla e Garabolos. Ás 20:30, a charanga Louband estará no recinto histórico e por Augas Férreas a charanga Clave de Sol. Por Campo Castelo, San Pedro e a praza Mártires de Carral, actuará a charanga Viño Branco e no fondo da praza do Campo, o grupo Nostrum Cai interpretará o seu Entroido escénico “Gatsby Remake 2020”. Ás 23:00, a praza da Soidade terá unha sesión DJ con Galician Army.

O martes 25 comezará co espectáculo itinerante de rúa para público familiar “Le Petit Circ” dende a praza de San Marcos ata a praza Maior. Ás 13:00, Raíces do Campo actuará polo recinto histórico. A partir das 19:00, a charanga Paradela percorrerá o recinto histórico

A partir das 17:00 terá lugar o Gran Concurso de Disfraces (adultos). Os participantes deberán concentrarse na praza da Soidade media hora antes do desfile, que presidirá a charanga Paradela, e percorrerá as rúas Antón Fraguas, Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Raíña e rematará na Praza Maior. As inscricións deberán realizarse nas oficinas da área de Cultura antes das 14:30 do luns 24. O xurado, que estará formado por persoas de recoñecido prestixio e vinculación coa cultura, repartirá premios en categorías individual (500, 300 e 200 euros, e tres premios de 50 euros), parellas (600, 400 e 300 euros, xunto con 5 premios de 100 euros) e comparsas (1.100, 800, 600 euros, e 7 premios de 200 euros).

O mércores 26 terá lugar o Enterro da Sardiña. Este ano, ao cumprirse 20 anos da constitución da “Asociación Cultural Pepe Barreiro”, organiza múltiples actividades. Ademais do concurso de Ferretes de Entroido tamén promove a exposición “Asociación Pepe Barreiro, un antes e un despois”, que se inaugurará o 12 de febreiro e poderá visitarse na rúa da Raíña.

Ás 19:00 o quiosco da música da praza Maior acollerá o Velorio da Sardiña. Todas as persoas que queiran acompañar á familia no Velorio están convidadas. Así mesmo, poderán deixar constancia da súa pena no libro de firmas. Ás 19:30 a Santa Compaña fará un percorrido pola praza Maior cantando miseres en latín, e achegarase ao Velorio para apoderarse da ánima da Sardiña. Ás 20:00 comezará o Enterro da Sardiña. O cadaleito sairá do quiosco para se incorporar á procesión no Circulo das Artes e percorrerá diferentes rúas de Lugo, con paradas na praza do Campo e da Soidade, ata rematar na praza Maior, onde se lerán os ferretes.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre as festas de Entroido 2020 | Descargar mp3

Máis info

Multimedia

  • Máis de 30 actividades activan o Entroido de 2020, organizado polas áreas de Cultura e Participación

Noticias relacionadas