Máis dunha vintena de charangas luguesas animarán as rúas da cidade durante o San Froilán 2015

A animación de rúa chegará ao barrio da Ponte, á zona de Montirón, Sanfiz, barrio da Residencia, Fonte dos Ranchos, zona Lamas de Prado, Milagrosa, Avenida da Coruña, Fontiñas e Sagrado Corazón

O VIII Desfile de Gando San Froilán, que marcará o inicio destes festexos “de marcado carácter popular”, recorrerá un tramo da ronda da Muralla, rúa do Teatro, Praza de Santo Domingo, rúa da Raíña, Praza maior e rúa Bispo Aguirre

Luns, 14 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou este luns novas actuacións para o San Froilán 2015, que se celebrará do 3 ao 12 de outubro. Trátase da animación de rúa, da que se encargarán máis dunha vintena de charangas e pasarrúas lugueses de música tradicional.

Basadre destacou que “con este tipo de animación musical, estendemos o San Froilán por toda a cidade”, posto que as actuacións musicais das rúas e prazas do casco histórico de Lugo e do recinto feiral compartirán protagonismo coas dos diferentes barrios de Lugo. “A animación de rúa chegará ao barrio da Ponte, á zona de Montirón, Sanfiz, barrio da Residencia, Fonte dos Ranchos, zona Lamas de Prado, Milagrosa, Avenida da Coruña, Fontiñas e Sagrado Corazón”, avanzou a edil.

“Apostamos pola animación de rúa por toda a cidade para dinamizar todos e cada un dos barrios lucenses”, asegurou a Concelleira.

Entre as charangas e agrupacións musicais que amenizarán estes festexos declarados de Interese Turístico Galego e Nacional atopánse a Charanga Paradela, a agrupación Batería da Unidade, os Festicultores, a charanga Arde Yu-ku, Os xílgaros de Lugo, Os Campeiros de San Xoán do Campo, A Volta do Agro, Airiños de Orbazai, charanga Excusa, Airiños do Neira, charanga Trastiños, Os Amigos de Manolo, Arrincadeira, Devandoira, Folquiada, Madialeva, Os Cantareiros de As Regas, a charanga Malo Será, Reviravolta, Caivanca, Andaina, Pelexo de Ghaita, Os Valuros e Estoupacaldeiros.

VII Desfile de Gando San Froilán

O VII Desfile de Gando San Froilán marcará o inicio destes festexos “con marcado caracter popular”, tal e como os definiu Basadre. O sábado día 3 de outubro, ás 12:00 horas arrancará o desfile dende a zona peonil da ronda da Muralla. O desfile recorrerá un tramo da ronda da Muralla e entrará ao casco histórico pola rúa do Teatro (Porta da Estación). Logo achegaranse á Praza de Santo Domingo e pasarán pola rúa da Raíña, Praza Maior e rúa Bispo Aguirre.

Con esta mostra de animais autóctonos o Concello recupera un ano máis unha actividade tradicional e típica das feiras de San Froilán de hai preto de 40 anos.

Audio

  • Declaracións da Concelleira de Cultura, Carmen Basadre| Descargar mp3

Noticias relacionadas