Muller e Igualdade conmemora co alumnado do IES Leiras Pulpeiro o San Valentín, nunha xornada para deconstruír o amor romántico

Martes, 14 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Muller e Igualdade conmemora co alumnado do IES Leiras Pulpeiro o San Valentín, nunha xornada para deconstruír o amor romántico

Coincidindo con San Valentín, Muller e Igualdade aproveitou esta data para afastar a súa celebración de visións estereotipadas e conseguir relacións máis sás, evitando toda forma de violencia de xénero, desmitificando o amor romántico e establecendo os límites entre o aceptable e non aceptable.

Realizouse unha sesión didáctica dividida en dúas actividades, en primeiro lugar o visionado de tres curtametraxes e posteriormente, un tempo de análise e debate. As 50 rapazas e rapaces participantes do IES Leiras Pulpeiro tiveron a ocasión de valorar, a través dos distintos audiovisuais, as consecuencias que teñen as situacións de bo trato ou de maltrato por medio da observación e análise de situacións e dos modelos de relación que se transmiten.

Proxectáronse as seguintes curtas, co obxectivo de favorecer unha reflexión crítica sobre as primeiras relacións de parella, visualizar actitudes cotiás de sexismo nas primeiras relacións de noivado e poñer en cuestión o amor romántico como modelo de relación amorosa herdado e incuestionado:

Cenicienta Swing (Myriam Ballesteros, 2020).

No instituto Hermanos Grimm, onde estudan todas as personaxes do mundo dos contos en idade adolescente, celébrase o baile fin de curso. No mellor da festa, a man dun Xigante rapta o Príncipe e Cenicienta sae no seu rescate. Nada será como esperabamos.

Sunshine, non confundir amor con abuso (DayOne, 2018).

Tres minutos da canción “Walking on sunshine” acompañados dunha animación, resumen o vertixinoso viaxe dunha relación que comeza camuflando o maltrato co romanticismo.

A ningunha parte (Pedro Vilas, 2020).

Segundo o propio autor, trátase dunha “curtametraxe narrativa inspirada en feitos reais, que conta a historia de Carla, unha rapaza de 21 anos que sae unha noite de festa coa súa mellor amiga e enfróntase a unha situación complicada, na que a súa intervención é crucial”.

A Concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso presentou a actividade, na que tamén estivo presente o equipo directivo do instituto e as titoras do alumnado participante. A técnica de Igualdade da Casa da Muller, Belén Regueiro, moderou o debate.

Multimedia

  • Muller e Igualdade conmemora co alumnado do IES Leiras Pulpeiro o San Valentín, nunha xornada para deconstruír o amor romántico

Noticias relacionadas