Muller e Igualdade e Benestar Social levan ao Maruja Mallo a mostra fotográfica 3 causais que reivindica a despenalización do aborto na República Dominicana

Mércores, 30 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Muller e Igualdade e Benestar Social levan ao Maruja Mallo a mostra fotográfica 3 causais que reivindica a despenalización do aborto na República Dominicana

A Concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, en colaboración coa Concellería de Benestar Social, que dirixe Olga López, levan a exposición 3 causais ao centro de convivencia Maruja Mallo.

Esta mostra, promovida por AGARESO e que foi inaugurada primeiramente no Vello Cárcere, pretende denunciar as secuelas que ten sobre a vida das mulleres a prohibición total do aborto vixente na República Dominicana, un dos seis países no mundo no que o aborto é ilegal en todas as circunstancias.

É, tamén, o país de América Latina con máis matrimonios infantís e adolescentes e documenta, cada ano, unhas 25.000 complicacións hospitalarias relacionadas directamente co aborto clandestino. Por mor desta situación, o movemento feminista dominicano demanda que, polo menos, se despenalice o aborto en tres supostos: cando o feto é inviable para a vida, cando corre perigo de morte a nai e cando o embarazo é froito dunha violación.

A exposición contén 12 imaxes e mensaxes das testemuñas protagonistas do documental Garantía de vida, que sobre esta mesma temática, se puido estrear en Lugo da man da área de Muller e Igualdade. Un filme que naceu da premisa de que a loita feminista é unha loita global e busca unir esforzos dende Galicia co movemento feminista dominicano para crear conciencia ao redor da necesidade de defender os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e incidir para que se modifique a lei que penaliza o aborto en todos os seus supostos na República Dominicana.

Nel, tanto as familias como as propias vítimas contan as súas vivencias e piden que se garanta a vida das mulleres por riba de calquera outra cousa.

Rosa, Onelis, Jenifer, Arelis e Katiusca decidiron plantarse diante da cámara con toda a súa rabia e a súa dor, non por elas, senón polas que están por vir, para que ninguén máis teña que pasar por iso.

Estas testemuñas son as que se reflexan na exposición, que se poderá visitar, dende mañá, no 1º andar do Maruja Mallo, en horario de 08:30 a 15:00 e de 16:00 a 20:30 horas.

Noticias relacionadas