Música, deporte, documentais, reflexións e galardóns para loitar pola igualdade

Ana Abelleira presentou este martes o programa do Concello para conmemorar o 8 de marzo, “un día importante para reivindicar e seguir traballando para conseguir esa igualdade real e efectiva que todos buscamos na nosa sociedade”

Martes, 01 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Música, deporte, documentais, reflexións e galardóns para loitar pola igualdade

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, presentou este martes no Salón de Plenos as actividades que ten programadas o Concello para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Trátase dunha programación que congrega música, deporte, documentais, reflexións e a entrega de galardóns para loitar pola igualdade, “pois é unha cuestión que atinxe a todos os ámbitos”, tal e como manifestou Abelleira, e que terán lugar dende este domingo ata o vindeiro sábado, 12 de marzo. Á presentación tamén asistiron representantes de Producións FdS e Médicos Sen Fronteiras, organizador e entidade beneficiaria do concerto solidario Voces pola Paz, a cargo de Mayka Sitte, Mayka Edjole e Desiree Diouf, que terá lugar o 8 de marzo ás 21:00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, e de Xaquedrum, a asociación deportiva que desenvolverá partidas simultáneas de xadrez baixo o nome de O taboleiro da igualdade, este domingo a partir das 13:00 horas na Praza Maior, actividade aberta a participación de mulleres de calquera idade.

“O 8 de Marzo é un día importante, porque ademais de servir para reflexionar sobre os avances conseguidos por mulleres e celebrar actos de valor, é un día para reivindicar e seguir traballando, a cotío e moi duramente, para conseguir esa igualdade real e efectiva que todos buscamos na nosa sociedade”, subliñou González Abelleira. Neste senso, avanzou que o día 8 de marzo, ás 12:00 horas, celébrase no Salón de Plenos do Concello a entrega de premios Entre Mulleres, que este ano será concedido á cooperante Ana Vila Montero, polo seu labor en prol do desenvolvemento social en zonas rurais de Nicaragua. Posteriormente, terá lugar a presentación dun documental sobre as irmáns Elisa e Jimena Fernández De La Vega, as primeiras mulleres licenciadas en Galicia e Asturias, e logo a lectura dun manifesto, ás 13:00 horas aproximadamente.

Pola súa banda, os representantes de Producións FdS, Médicos Sen Fronteiras e Xaquedrum agradeceron ao Concello que leven a cabo estas iniciativas que visibilizan o papel da muller na sociedade.

Máis actividades

A edil tamén anunciou a celebración da XIII Marcha pola Igualdade pola Muralla de Lugo, que se celebrará o domingo 6 de marzo, con saída da Praza Maior ás 12:00 horas.

O sábado 12 de marzo, Lugo acollerá o IX Encontro da Muller Xorda en Galicia. Ás 11:00 horas terá lugar unha andaina pola Muralla, que rematará coa lectura dun manifesto na Praza Maior. Posteriormente, na Facultade de Formación do Profesorado, ás 16:00 horas celebrarase unha mesa redonda, A Muller Xorda: O seu empoderamento, e logo a charla Cómo chegar a ser unha senadora sendo unha persoa xorda, a cargo de Pilar Lima.
Ademais, durante o mes de marzo, nas ociotecas municipais do programa Aprende Xogando levaranse a cabo actividades de fomento da igualdade e a Biblioteca Municipal destacará os libros de autoría femenina.

Audio

  • Ana González Abelleira, sobre o programa de conmemoración do Día Internacional da Muller |Descargar mp3

Máis info

  • Programa de actividades con motivo da celebración do Día Internacional da Muller| Descargar pdf

Multimedia

  • Música, deporte, documentais, reflexións e galardóns para loitar pola igualdade
  • Concerto Solidario Pro Refugiad@s
  • Música, deporte, documentais, reflexións e galardóns para loitar pola igualdade

Noticias relacionadas