A nova exposición do MIHL pon en valor o poderío e a autonomía da muller a través da pintura

Carmen Basadre inaugurou a mostra A corazón aberto, que poderá visitarse ata o 31 de xullo, de martes a sábado, de 11:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 20:00 horas, e os domingos, de 17:00 a 20:00 horas. A entrada é de balde

Xoves, 07 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A nova exposición do MIHL pon en valor o poderío e a autonomía da muller a través da pintura

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, inaugurou este xoves a exposición de pintura A corazón aberto, a nova mostra do Museo Interactivo da Historia que reúne preto de 30 pinturas da galega Cruz Vázquez, que expón por primeira vez en Lugo nas instalacións vangardistas do MIHL.

No acto de inauguración, a Concelleira agradeceu a Vázquez o seu interese por difundir en Lugo e para todos os lugueses, así como para os visitantes, a súa obra coa que visibiliza o papel da muller na sociedade. A edil tamén fixo fincapé no papel do MIHL, que sen deixar de ser un museo histórico estase a converter nun centro de referencia para exposicións de todo tipo de arte, dende a máis tradicional ata a máis contemporánea, acollendo ademais exposición tanto de artistas consolidados como de artistas nobeles, sexan lugueses ou non, que amosan as súas destrezas en pintura, arquitectura, ou fotografía entre outros.

A corazón aberto trátase dunha exposición para facer ver que a muller ten forza e poder para facer o que queira”, segundo a definiu a propia autora. Na mostra poderanse visitar unhas 30 pinturas entre gravados, óleos e acrílicos, que van acompañados dun texto sobre mulleres reais. Entre as obras destaca un autorretrato da propia autora, que viste cun traxe medieval.

Horario da exposición
A corazón aberto poderase visitar ata o 31 de xullo, de martes a sábado, de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, e os domingos, de 17:00 a 20:00 horas. A entrada é de balde

Noticias relacionadas