O Arde Lvcvs 2016 cumpre as expectativas do Goberno Local, deixando 12 millóns de euros na cidade en 4 días

Carmen Basadre fixo balance destes festexos de recreación histórica, que cumpriron 15 anos, aos que se achegaron máis de 600.000 persoas para gozar das 400 actividades programadas

A Qveima da Moenivm superou as previsións, sendo esta a edición máis multitudinaria, con 12.000 espectadores. O desfile das lexións romanas e tropas castrexas espertou o interese de 100.000 persoas, e o dos colexios, de 70.000  

Pola Oficina de Turismo do Concello pasaron máis de 700 persoas nos 4 días, un 45% máis que o pasado ano. O 19% eran visitantes foráneos, liderando os franceses. Dos nacionais, destacan os madrileños, cataláns e asturianos

A vindeira edición do Arde Lvcvs, que aspira a ser declarado Festa de Interese Turístico Nacional, coincidirá os días 30 de xuño e 1 e 2 de xullo

Martes, 21 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Arde Lvcvs 2016 cumpre as expectativas do Goberno Local, deixando 12 millóns de euros na cidade en 4 días

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, fixo este martes un balance dos catro días de Arde Lvcvs MMXVI, que segundo as estimacións do Concello deixou uns 12 millóns de euros na cidade, “se calculamos un gasto medio de 20 euros por persoa”, cumprindo coas expectativas do Goberno, ao achegarse máis de 600.000 persoas a estes festexos, declarados de Interese Turístico Galego e que aspiran a ser este ano de Interese Turístico Nacional, para participar nas 400 actividades programadas para este ano, tal e como informou a edil, quen lembrou que o Arde Lvcvs non soamente inflúe no consumo durante os 4 días que durou a festa, senón tamén dende meses antes, coa compra de indumentaria ou perruquerías.

A Qveima da Moenivm superou as previsións, sendo esta a edición máis multitudinaria de todas, cun total de 12.000 espectadores ao carón do Parque de Rosalía de Castro. En xeral, todas as actividades lograron un rotundo éxito de público, como o desfile das lexións romanas e tropas castrexas pola Ronda da Muralla, que espertou o interese dunhas 100.000 persoas, ou o desfile dos alumnos, mestres e ANPAS dos centros educativos lugueses, con 70.000 espectadores. Ademais, o circo romano gozou dunha gran participación, cunhas 6.000 persoas na explanada do Pavillón Municipal e nas costas do parque. Os días de maior afluencia foron o sábado e domingo.

En canto aos demandantes de información, pola Oficina de Turismo do Concello pasaron máis de 700 persoas nos 4 días, un 45% máis que o pasado ano. O 19% eran visitantes foráneos, destacando os franceses. Dentro dos visitantes nacionais, os que máis visitaron Lugo foron os madrileños, seguidos dos cataláns e asturianos, “precisamente dúas das comunidades ata onde nos desprazamos para presentar o Arde Lvcvs”, subliñou Basadre. Aos centros expositivos achegáronse ao longo dos 4 días máis de 2.000 persoas, sendo a Domus do Mitreo a máis visitada, con preto do 50% das visitas. Ademais, repartíronse máis de 5.000 programas, ademais de folletos e mapa no posto do Concello do Macellum, e mais de 15.000 programas, tanto en galego como en castelán, na Casa Consistorial.

“Todos estes datos demostran que o Arde Lvcvs está consolidado e que é unha festa importantísima para a nosa cidade, que é unha festa socialmente, economicamente e turisticamente imprescindible para Lugo, que ademais serve de escaparate do noso patrimonio, e nese sentido o aproveitamos”, asegurou Basadre, quen anunciou as datas do Arde Lvcvs 2017, que coincidirán os días 30 de xuño e 1 e 2 de xullo.

Implicación e participación
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua agradeceu ás 38 asociacións participantes nestes festexos, e principalmente ás 17 de Lugo, a súa implicación tanto na organización das actividades que englobaron estes festexos, tanto ao longo destes 4 días como o resto do ano para que Lugo poida volver ao seu pasado da mellor das formas, así como aos veciños pola súa implicación, aos centros educativos, ás perruquerías, ás matronas, e ás empresas patrocinadoras, entre elas Arriva que fretou a mais de 2.000 pasaxeiros, un 8% mais que o pasado ano, e Alsa, con máis de 1.500 viaxeiros.

“O Arde Lvcvs, pola implicación da cidadanía, a súa historia e a cohesión social é a mellor festa de España”, subliñou Carmen Basadre, quen aseguro que “en Lugo xa o sabemos pero queremos reafirmalo e por iso pedimos o apoio no concurso lanzado por Las7mejores”. Actualmente o Arde Lvcvs é a primeira festa, con máis de 6.200 votos, un milleiro de apoios más que a segunda festa máis votada.

Basadre tamén destacou o labor extraordinario realizado pola Policía Local, Autonómica, Nacional, Protección Civil, Bombeiros e servizos municipais eléctricos de augas, que contribuíron a que os 4 días destes festexos de recreación histórica transcorreran con total normalidade, a pesar da elevada concentración de persoas. Neste senso tamén agradeceu os traballos efectuados polo servizo de limpeza e recollida de lixo, que nos días de festa recolleron 369 toneladas de lixo, garantindo que a cidade luguesa amencera limpa.

Orzamento
A Concelleira tamén informou do investimento para estas festas, eu constitúen un escaparate nacional e internacional de Lugo, similar ao de anos anteriores, uns 220.000 euros, aos que hai que engadir uns 65.000 euros de patrocinio. Ademais, os postos do Macellum ingresaron ao Concello máis de 23.000 euros e os postos de restauración (Praza da Soidade, Anxo Fernández Gómez e Praza Horta do Seminario), máis de 18.500 euros.

Arde Lvcvs do máis virtual
A comunidade de Facebook do Arde Lvcvs alcanzou neste 2016 a maior subida dende que se creou, conseguindo dende xaneiro ao 20 de xuño, preto de 5.000 novos seguidores. Actualmente, a conta ten 22.237 seguidores. O maior número de fans acadouse nos catro días que durou a festa, tendo as publicacións un alcanza de 570.362 no último mes. Ao longo dos 4 días dos festexo, o alcanza subiu dende os 73.000 do xoves aos 196.000 do domingo. As imaxes e os vídeos que máis reaccións tiveron foron a apertura das portas da muralla en director, a presentación do programa e o desfile de tropas en directos –en imaxes-, e o reconto de días para as festas, o desfile e a remontada de Arde Lvcvs no concurso de Las7Mejores –en vídeo-.

A maioría dos seguidores, o 63% deles mulleres, é de España, 18.500, pero tamén hai seguidores de Bolivia, Portugal, El Salvador, Ecuador, Reino Unido, Paraguai, Italia, Nicaragua e Arxentina.

No que se refire a Twitter, soamente no mes de xuño, tivo 10.600 visitas ao perfil, máis de 200 novos seguidores e 142.000 impresións. No top dos tweets atópase o dos descontos en Renfe, seguido do vídeo no que se mostra a xente chegando ao Arde Lvcvs. En toda a provincia, a pasada fin de semana, os hashtag ou etiquetas máis utilizados relacionábanse co Arde Lvcvs.

Ademais, creouse un Instagram para as festas e conseguíronse en 4 días, 529 seguidores, sendo a apertura de portas, o desfile, o circo ou as vodas o máis exitoso.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o alcance do Arde Lvcvs 2016 | Descargar mp3

Noticias relacionadas