O Arde Lvcvs volve ter, por segundo ano, moeda oficial castrexa

Carmen Basadre e Julio Montero, custodiados por dous guerreiros, presentaron, no patio central do Vello Cárce, o deseño deste ano: un potin de remi, fundido en bronce

Mercenarios Galaicos pon á venda unhas 3.000 moedas, que se poderán adquirir en distintos comercios da cidade por un prezo de dous euros, así como no seu propio campamento, na Praza Horta do Seminario, ao longo dos festexos

Mércores, 23 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Arde Lvcvs volve ter, por segundo ano, moeda oficial castrexa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o vogal da Asociación Mercenarios Galaicos, Julio Montero, xunto a outros membros do colectivo de recreación histórica, custodiados por dous guerreiros galicos; presentaron este mércores, no patio do Vello Cárcere, a moeda castrexa oficial do Arde Lvcvs, coa que contarán estes festexos, declarados de Interese Turístico Galego e Nacional, por segundo ano consecutivo.

Na presentación, Carmen Basadre amosou a súa satisfación porque o Arde Lvcvs MMXVIII volva ter dúas moedas oficiais, unha romana -da man da Cohors III Lucensium- e outra castrexa -a cargo de Mercenarios Galaicos-; o que supón seguir dinamizando, con iniciativas novas, a festa, que terá lugar do 15 ao 17 de xuño. Tamén tivo palabras de agradecemento para o traballo que realizan tanto Mercenarios Galaicos como todas as asociacións de Lugo, ben sexa as que representan ao pobo castrexo como ao romano.

Pola súa banda, Montero agradeceulle ao Concello a axuda que presta ao colectivo tanto para poder levar a cabo este proxecto da moeda, que sae a lúz un ano máis, tras a boa aceptación que tivo o ano pasado a primeira moeda oficial castrexa; así como polo apoio nas demais actividades que realizan ao longo do ano.

Segundo explicou o vogal do colectivo, nesta ocasión Mercenarios Galacios fai coa moeda unha homenaxe ás orixes castrexas, decantándose por recrear unha moeda celta, concretamente un potin de remi, fundido en bronce, acuñada entre os anos 80 e 20 A.C. polos pobos celtas denominados remi, que habitaban a Galia Comata.

No anverso da moeda aparece un persoaxe marchando cara a dereita, armado cunha lanza na súa man esquerda e o que podería ser un escudo ou un torques na súa man dereita; con múltiples interpretacións da imaxe, quizais un guerreiro ante un rei ou xefe dun clan, un deus ou un cazador.

No reverso da moeda está representando un lobo, cun simbolismo especial para os celtas, vinculado a varios deuses e relacionado co poder da lúa, devorando unha serpe, unha fíbula e a inscrición Amhais`18.

Mercenarios Galaicos vai poñer a venda unha tirada dunhas 3.000 moedas, cunha medidas de 24mm de diámetro e 1,55 mm de grosor, que se poderán adquirir en distintos comercios da cidade por un prezo de dous euros, así como no seu propio campamento, na Praza Horta do Seminario, ao longo dos festexos.

Para calquera outra información poden dirixirse á asociación a través do enderezo electrónico mercenariosgalaicos@gmail.com.

www.ardelucus.com

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a moeda oficial castrexa | Descargar mp3

Noticias relacionadas