O Campus de verán Xuvenciencia 2015 permitirá aos estudantes preuniversitarios coñecer a oferta do campus da USC en Lugo

A USC achega a súa oferta en Lugo a estudantes preuniversitarios co campus de verán Xuvenciencia, que será do 22 ao 26 de xuño

A inscrición no programa, para o que se ofrecen 120 prazas e que inclúe obradoiros, visitas e proxectos científicos, permanecerá aberto ata o 10 de maio na web da USC

O Xuvenciencia terá lugar entre o 22 e 26 de xuño nas diferentes facultades da cidade

Xoves, 23 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Campus de verán Xuvenciencia 2015 permitirá aos estudantes preuniversitarios coñecer a oferta do campus da USC en Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou esta mañá na presentación do terceiro campus de verán Xuvenciencia Lugo que se celebrará entre os días 22 e 26 de xuño organizado pola USC. No acto de presentación que tivo lugar no Vicerreitorado tamén participaron o Deputado provincial delegado da área de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos Ramos; a Vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; e a profesora da USC e coordinadora do campus de verán, Mercedes Novo Rodríguez.

Este programa ten como finalidade achegar a realidade universitaria, así como a oferta de estudos, servizos e as investigacións desenvolvidas no campus de Lugo da USC, ao estudantado preuniversitario de 4º da ESO e 1º de Bac.

O prazo de inscrición neste programa, para o que se ofrecen un total de 120 prazas, permanecerá aberto ata o vindeiro 10 de maio na páxina web da USC. O campus de verán Xuvenciencia Lugo, que nesta edición se desenvolve baixo o lema ‘Aprendendo desde a experiencia’, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia, a través do que a USC busca dar a coñecer a estudantes universitarios os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do campus de Lugo.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o campus de verán Xuvenciencia Lugo ofrece servizo de aloxamento entre os días 21 e 27 de xuño na residencia universitaria Abeiro da capital lugesa organizado pola A.D.C. Lumieira Lugo. Esta posibilidade, complementaria co desenvolvemento das actividades incluídas no programa do campus de verán, está pensada para atraer a participantes procedentes doutras localidades galegas e de fóra de Galicia, tal e como se puxo de manifesto na presentación dun programa no que colaboran arredor de 100 profesores.

A nova edición do campus de verán Xuvenciencia Lugo mantén os mesmos obxectivos cos que naceu e que pasan por divulgar e achegar ao estudantado preuniversitario as titulacións científicas, técnicas e de ciencias sociais e Humanidades, así como a investigación desenvolvida nos distintos centros do campus de Lugo. Dar a coñecer a ciencia e a tecnoloxía desenvolvida na sede universitaria luguesa mediante a organización de talleres e o desenvolvemento de proxectos científicos, técnicos e sociais que teñan como protagonistas aos estudantes de ESO e Bacharelato. 

Programa, escenarios e actividades

As distintas actividades incluídas no campus de verán Xuvenciencia Lugo desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 18.00 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Lugo. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do campus de Lugo e a centros colaboradores (Biblioteca, CACTUS, Aula de Produtos Lácteos e laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia), e a realización de actividades prácticas e de talleres relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do campus de Lugo centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. 

Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre máis de 20 propostas. 

Inscrición e matrícula

O prazo de inscrición estará aberto entre o 24 de abril e o 10 de maio a través da páxina web www.usc.es/xuvenciencia , un enderezo electrónico no que tamén poderán atopar toda a información relativa ao desenvolvemento do campus. Os candidatos/as admitidos/as serán informados por e-mail coas indicacións para realizar a matrícula entre o 15-21 de maio.

A matrícula no Campus (sen aloxamento) ten un prezo de 40 E e inclúe participación nas actividades conxuntas do campus e nun dos proxectos científicos ou técnicos, material necesario para o campus, seguro, xantar nun comedor universitario os cinco días do campus, e diploma de participación da Universidade de Santiago de Compostela. O Campus (con aloxamento) custa 120 E e inclúe todo o anterior máis actividades lúdicas, aloxamento, cea e almorzo na residencia universitaria Abeiro, con acompañamento de monitores titulados da A.D.C. Lumieira Lugo.

Noticias relacionadas