O Caudal Fest presenta o seu cartel por días para a edición de 2024 á que se suman Parkineos, Ana Lua Caiano, Querido e Dani Dicostas

A rexedora, Paula Alvarellos, anunciou este xoves as novas incorporacións que estarán presentes na vindeira edición do que xa é un dos festivais máis importantes do país.

O Concello volverá a ser o principal impulsor e dinamizador da cita, que contará un ano máis co patrocinio de Estrella Galicia, como principal sponsor privado.

As entradas de día estarán á venda o vindeiro xoves 15 ás 12.00 en www.caudalfest.es

Xoves, 08 de febreiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Caudal Fest presenta o seu cartel por días para a edición de 2024 á que se suman Parkineos, Ana Lua Caiano, Querido e Dani Dicostas

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, anunciou este xoves as novas incorporacións que se sumarán ao cartel da vindeira edición do Caudal Fest, a cita musical de referencia no municipio e un dos festivais máis importantes do noroeste peninsular. Trátase dos artistas Parkineos, Ana Lua Caiano, Querido e Dani Dicostas, quenes estarán presentes na que xa está consolidada como a última gran festa do verán galego e que se encamiña cara a súa edición máis multitudinaria, os vindeiros días 20 e 21 de setembro.

O festival anunciaba, así mesmo, esta mañá a repartición por días do seu cartel. Un cartel que ten como grandes protagonistas algún dos artistas máis demandados polo público a nivel nacional. Un ano máis, o Caudal Fest trae á cidade de Lugo un gran número das xiras máis importantes que se realizarán no verán de 2024. O venres 20 de setembro estará protagonizado por Amaral, Viva Suecia, Carlos Sadness, Varry Brava, Huecco, Karavana, Xina Mora e Ramón Mirabet. Ademais, o festival engade a nivel artístico á portuguesa Ana Lua Caiano e ao galego Querido.

O sábado 21 será a quenda para outro gran número dalgúns dos artistas con máis éxito do país. Mikel Izal, Arde Bogotá, Ginebras, Nil Moliner, Ladilla Rusa, Tu Otra Bonita, Siloé e Monoulious DOP protagonizarán a segunda xornada de Caudal Fest 2024. Únense a este día Parkineos e Dani Dicostas.

Alvarellos lembrou que “dende que no Concello apostamos, en solitario, por poñer en marcha esta cita musical no 2018, o Caudal non deixou de crecer, tanto en volume de asistentes, infraestruturas, como na calidade do seu cartel, que este ano xa ten confirmados a algunhas das bandas e artistas máis importantes do panorama nacional”.

O Caudal Fest 2024 contará de novo co apoio do Concello de Lugo como impulsor e dinamizador do festival, desde a súa primeira edición, e con Estrella Galicia, principal patrocinador privado do evento.

Ao longo das vindeiras semanas seguiranse desvelando novidades desta edición, a sexta, que buscará ser a máis exitosa da historia do festival ata o de agora. “En 2023, o evento reuniu a 37.567 persoas en Lugo, supoñendo un retorno económico de 7,3 millóns de euros para o municipio e xerando máis de 350 empregos directos e 2.000 indirectos”, subliñou a rexedora quen destacou a relevancia desta cita para a economía local.

As entradas de día estarán á venda o vindeiro xoves 15 ás 12.00 horas en www.caudalfest.es

Noticias relacionadas