O CEO de Street Art Cities visita Lugo para coñecer os murais de Yoe33 e Diego As, promovidos polo Concello e premiados internacionalmente

Tim Marschang entregou a Manuel Pallín o recoñecemento como terceiro mellor mural do mundo de 2023 da súa obra ‘Copora’. Acompañados de Diego As e Jorge Bustos percorreron os murais da cidade.

O edil de Xuventude agradeceu “a súa contribución á promoción internacional de Lugo a través da plataforma da que é fundador” e puxo en valor a aposta do Executivo pola arte urbana como “instrumento de rexeneración dos espazos públicos”.

“O Urban Cores é un exemplo do profesionalismo que xorde desde a base no grafiti e demostra que esta arte ten o seu lugar nunha cidade tan antiga como Lugo”, afirmou Tim.

Xoves, 14 de marzo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O CEO de Street Art Cities visita Lugo para coñecer os murais de Yoe33 e Diego As, promovidos polo Concello e premiados internacionalmente

A castrexa ‘Copora’, mural realizado polo artista Manuel Pallín –Yoe33– e promovido polo Executivo municipal, xa dispón da acreditación oficial como terceiro mellor mural do mundo en 2023. O belga Tim Marschang, CEO e cofundador da plataforma Street Art Cities, a maior comunidade  de arte urbana do mundo, visitou a cidade de Lugo para entregar persoalmente o premio ao seu autor e coñecer de primeira man este traballo, así como o ‘Julio César’ de Diego As, galardonado como mellor mural do mundo en 2021.

Durante a súa visita, na que estivo acompañado por ambos artistas lucenses, así como polo concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, Marschang mostrouse “moi feliz de visitar finalmente a cidade de Lugo”, e asegurou que “o patrimonio romano púxome a pel de galiña”. O CEO de Street Art Cities apuntou que “foi moi revelador escoitar as historias de Yoe33 e Diego As e saber que o seu traballo e os dous fermosos murais que custodian as antigas murallas romanas están construídos sobre anos de tradición na arte urbana”.

Pola súa banda, Jorge Bustos agradeceu “o seu interese por coñecer persoalmente os murais lucenses e a súa contribución á promoción internacional de Lugo a través da plataforma da que é fundador”. Así mesmo, o edil puxo en valor a arte urbana como instrumento de rexeneración dos espazos públicos. “Esta disciplina está a cobrar un valor crucial no proceso de recuperación de determinadas zonas da nosa cidade como demostran estes proxectos, pero tamén outros, como a iniciativa levada a cabo na rúa do Esquecemento ou nas Casas Sindicais, onde se levou a cabo un traballo que mudou a faciana do barrio. A arte urbana é unha ferramenta estratéxica no proceso de rexeneración que estamos a executar na cidade”, afirmou.

Neste senso, o goberno local leva anos apostando por esta disciplina artística, especialmente a través do Urban Cores, contribuíndo a mellorar a contorna urbana ao tempo que situa a Lugo no mapa, ao convertelo no único espazo a nivel internacional que conta con dúas obras premiadas coa distinción de mellor mural do mundo (Julio Cesar, 2021) e terceiro mellor mural do mundo (Copora, 2023).

Neste senso, Marschang destacou que “o proxecto Urban Cores é un exemplo perfecto do profesionalismo que xorde desde a base no grafiti e demostra que esta arte contemporánea nas rúas ten o seu lugar nunha cidade tan antiga como Lugo”.

Finalmente, Bustos reforzou o compromiso do Executivo municipal por seguir traballando para mellorar a cidade a través da arte urbana con futuros proxectos. “Imos a seguir promovendo este tipo de obras. É preciso resaltar a súa importancia social xa que fomenta a expresión creativa, transforma as contornas urbanas, reflicte a identidade e diversidade das comunidades e serve como plataforma para a concienciación social sobre temas de relevancia, como a igualdade ou o respecto polo medioambiente, aspectos fundamentais para acadar unha sociedade máis xusta”, concluíu.

Street Art Cities

Street Art Cities é unha comunidade internacional destinada a compartir e encontrar arte urbano. Trátase dunha plataforma na que se achega información dos murais de cada cidade, onde localizalos e información de cada un deles, como por exemplo, o nome do artista, como fixo a súa obra ou onde localizala. Actualmente xa ten rexistradas máis de 54.000 obras de arte dunhas 1.500 cidades, e ao redor de 100 países.

Esta plataforma situou o pasado ano a Galicia como o maior referente en grandes murais ao acaparar os tres primeiros postos –o primeiro foi para Sfhir en Fene, o segundo para Lula Goce, en Nigrán; e o terceiro para Yoe33 coa Castrexa–. Os tres impuxéronse na votación popular entre 50 obras distribuídas por todo o mundo, competindo contra outras propostas artísticas de Francia, Italia, Arxentina, Chile, ou Brasil, entre moitos outros países.

Multimedia

  • O CEO de Street Art Cities visita Lugo para coñecer os murais de Yoe33 e Diego As, promovidos polo Concello e premiados internacionalmente

Noticias relacionadas