O concelleiro de Desenvolvemento Local destaca a necesidade de que a cidadanía se comprometa cunha Europa máis ecolóxica

Mauricio Repetto entrega os premios do VI concurso de fotografía ‘Cidadanía europea en Galicia’, da rede de centros de información europea na que Lugo se integra.

Lembrou que o Concello de Lugo está a traballar para ser un municipio referente na loita contra o cambio climático, “e iso pasa tamén polo cambios de hábitos dos cidadáns”.

Mércores, 10 de xullo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O concelleiro de Desenvolvemento Local destaca a necesidade de que a cidadanía se comprometa cunha Europa máis ecolóxica

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, entregou hoxe os premios do VI concurso de fotografía ‘Cidadanía europea en Galicia’, co que este ano a rede de centros de información europea en Galicia, na que se integra o Concello de Lugo, quixo motivar a cidadanía a dar visibilidade aos distintos hábitos ecolóxicos que se adoptan na vida diaria.

Baixo o lema " Ponte verde!’, o asunto do concurso, tal e como lembrou o edil, vinculábase coa prohibición da Unión Europea da entrega gratuíta de bolsas de plástico aos consumidores, “e en breve serán eliminados os plásticos dun só uso”, sostivo, para destacar a importancia de comezar a concienciar na loita contra o cambio climático desde a infancia.

“Vivimos un momento de transición social e ecolóxica en Europa e cada vez somos máis conscientes dos residuos que xeramos, o que nos ten que levar a adoptar pequenos cambios no noso día a día para reducilos e facer un uso máis responsable dos recursos”, apuntou, para incidir en que “desde o Concello de Lugo estamos a traballar para ser un municipio referente na loita contra o cambio climático, e iso pasa tamén polo cambios de hábitos cidadáns”.

As fotografías gañadoras foron:

  • Primeiro premio: ‘Coidemos os nosos ecosistemas" presentada por Andrea Gacio. A motivación da súa fotografía: "Como se pode observar aparece unha ra non seu hábitat natural. Aquí encóntrase unha área de recreo, un espazo natural onde se pode desfrutar da natureza e como non, dunha charca onde se poden estes pequenos animaliños”. Lugar onde foi tomada a fotografía. Área de recreo A Roxica, Abadín. O premio é unha cámara fotográfica.
  • Segundo premio: ‘Menos plástico, máis planeta’, presentada por Patricia Rodrigues. A motivación da súa fotografía facía alusión a que "usar alternativas ás bolsas de plástico é coidar o planeta" O premio é unha tablet.

O concurso é unha das actividades conxuntas programadas entre os Europe Direct da rede en Galicia desde hai 6 anos. Este premio é organizado conxuntamente polos centros Europe Direct de Galicia (Europe Direct da Coruña e Europe Direct de Lugo).

As fotografías presentadas poden verse na páxina do concurso https://www.facebook.com/concursociudadanoseuropeosengalicia/.

Noticias relacionadas