O Concello abre o prazo para solicitar axudas á rehabilitación no casco histórico, cunha dotación de 185.700€

O importe das axudas, cuxas bases se publicaron onte no Boletín Oficial da Provincia, é do 35% do custe total da obra, cun máximo por vivenda de 11.000€

Mércores, 17 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, anunciou que dende hoxe está aberto o prazo para solicitar a liña de axudas á rehabilitación do casco histórico convocada polo Concello cunha dotación total de 185.700€, o importe remanente da 14ª fase da Área de Rehabilitación Integral desenvolvida no ano 2016.

As peticións para concorrer a esta convocatoria, cuxas bases se publicaron onte no Boletín Oficial da Provincia, poderán presentarse durante 20 días hábiles, no Rexistro da empresa pública EVISLUSA, situada nas instalacións do centro de convivencia Uxío Novoneyra, ou ben por calquera dos medios establecidos na Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

As actuacións subvencionables son a rehabilitación de edificios (cubertas, carpintería exterior, escaleiras, portal e portalóns interiores, rexerías e tratamentos de fachada) e rehabilitación de vivendas (accesibilidade, sanitarios e cociñas, instalacións eléctricas, saneamento, fontanería, calefacción, extracción de fumes e ventilación, illamento térmico e acústico, adecuación ou distribución de espazos interiores, mellora da iluminación e adopción de sistemas dea forro enerxético).

O importe da axuda é do 35% do custe total da obra, cun máximo por vivenda de 11.000€

Piñeiro animou aos veciños e veciñas residentes ou cun edificio no casco histórico a aproveitar esta nova liña de subvencións, “unha oportunidade para darlle un pulo importante a esta zona”.

Vantaxe da prórroga

O prazo para rematar e xustificar as obras remata o 10 de novembro. Esta é unha das vantaxes para os beneficiarios da decisión do Goberno de optar pola prórroga da fase 14ª da ARI aproveitando os remanentes, en vez de concorrer a unha nova convocatoria, pois mentres que no caso de Lugo, coa prórroga, xa se abriu o prazo de solicitude e os beneficiarios terán 10 meses –ata o 10 de novembro- para rematar as actuacións, no caso das novas liñas de axudas aínda non se firmou o convenio para abrir a convocatoria e os beneficiarios terán igualmente o 10 de novembro para xustificar, un prazo moito máis reducido que dificultará a materialización das subvencións.

Audio

  • Daniel Piñeiro, sobre á rehabilitación no casco histórico | Descargar mp3

Noticias relacionadas