O Concello atende as demandas veciñais e modifica o saneamento en Ramón Montenegro para eliminar as filtracións de auga nas escalinatas

Manuel Núñez avanzou hoxe estes traballos, que contan cun orzamento de 1.600 euros, e que consitirán en facer unha nova arqueta para desviar a agua cara a rúa Primavera, deixando sen servizo os colectores que se atopan nas escaleiras

Martes, 12 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Na fotografía, Manuel Núñez supervisa as filtracións existentes nas escalinatas que unen Ramón Montenegro con Fontiñas, e que quedarán resoltas coas obras anunciadas hoxe polo propio Concelleiro

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, achegouse este martes ao cruce da rúa Ramón Montenegro coa rúa Primavera, onde o Concello ten previsto realizar unha ponte no saneamento co fin de eliminar as filtracións de augas fecais existentes nas escalinatas que unen a primeira das rúas con Fontiñas.

Tal e como avanzou o edil, os traballos que contan cun orzamento duns 1.600 euros, consistirán en facer unha nova arqueta para desviar a auga cara a rúa Primavera, deixando sen servizo as arquetas e os colectores que se atopan onda as escaleiras, que son os que xeran os problemas das filtracións, unha intervención coa que ademais de garantir as boas condicións dun servizo público como é o saneamento, se contribúe a un menor impacto medio ambiental na zona, ao tempo que se da resposta a demandas veciñais. As obras previsiblemente comezarán a vindeira semana.

Unha vez feita esta nova conexión, explicou Núñez, procederase ao arranxo da arqueta das escaleiras, posto que se detectaron varias roturas que son as que filtran as aguas fecais. Ademais, traballarase no vaciado destas augas acumuladas no pozo.

Manuel Núñez tamén indicou, que segundo estimacións dos técnicos, está previsto que o colector que discorre pola rúa Primavera teña a capacidade suficiente para dar saída a todo canto está conectado actualmente, permitindo ademais a incorporación da rede da rúa Montenegro.

Audio

  • Manuel Núñez, Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas | Descargar mp3

Multimedia

  • Na fotografía, Manuel Núñez no cruce entre a Rúa Ramón Montenegro e a Rúa Primavera, onde se realizará unha ponte no saneamento para eliminar as filtracións de auga nas escalinatas

Noticias relacionadas