O Concello de Lugo facilitará a implantación no Ceao dunha Rede de Distrito que subministrará enerxía renovable á cidade

A alcaldesa de Lugo asinaba hoxe un protocolo de colaboración coa empresa DH Eco Energías para axilizar a súa posta en marcha.

Lara Méndez: “Lugo comeza a converterse xa nun polo de atracción de investimentos verdes, cumprindo cos nosos obxectivos”.

A iniciativa será dinamizadora da económica e o emprego local, xa que para a construción e mantemento da central se contratará preferentemente a veciñas e veciños do municipio.

O sistema, baseado na utilización de biomasa e enerxía solar, contribuirá á descarbonización da atmósfera dentro das políticas de sostibilidade que promove o executivo.

Luns, 21 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo facilitará a implantación no Ceao dunha Rede de Distrito que subministrará enerxía renovable á cidade

A cidade de Lugo contará proximamente cunha Rede de Distrito que utilizará tecnoloxía de combustión de Biomasa e enerxía eléctrica procedente de fontes renovables para producir auga quente, tanto para calefacción como sanitaria, e que dará servizo a edificios residenciais, centros educativos, sanitarios e administrativos, entre outros.

O proxecto foi dado a coñecer hoxe pola alcaldesa, Lara Méndez e o edil de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, tras asinar un protocolo de colaboración coa compañía DH Eco Energías, promotora da iniciativa.

A través do mesmo, o Concello facilitará a implantación, no polígono do Ceao, dunha central produtora de enerxía renovable térmica - mediante biomasa e enerxía solar de concentración - e dunha rede de distribución de enerxía térmica que se plantexará en fases e de forma modular para que se poidan ir conectando a ela, progresivamente, os inmobles que o desexen.

Lugo comeza a converterse xa nun polo de atracción de investimentos verdes, como é o noso obxectivo, afirmou Lara Méndez. Temos o firme compromiso de mellorar a calidade de vida das e dos lucenses, un benestar e un coidado que debe ir en consonancia co da cidade e a saúde do planeta. Por iso, conscientes de que a loita contra o cambio climático require dun plantexamento integral que reforce o seu carácter transversal, estamos a promover actuacións sectoriais que tranformen Lugo, que reconduzan os nosos patróns de consumo e hábitos cara pautas e opcións, que as hai, moito máis respectuosas co medio ambiente”, engadiu a rexedora.

A alcaldesa puxo de manifesto que, “actualmente, xa se considera que as comunidades enerxéticas locais son unha alternativa eficiente, en tanto melloran a calidade de vida no sector residencial e nos equipamentos dotacionais públicos, ao tempo que supoñen un impulso aos sistemas de climatización máis eficaces que permiten reducir a emisión de gases invernadoiro mediante a utilización de sistemas centralizados de nova xeración que favorecen un mellor uso dos consumos de enerxía primaria a través de recursos renovables, en substitución dos combustibles fósiles. Un modelo que queremos implantar tamén no noso municipio dentro das políticas de sostibilidade que levamos potenciando dende o mandato anterior”, sostivo Méndez.

Deste xeito, a veciñanza poderá dispoñer de calefacción e auga quente nos seus domicilios sen precisar de instalacións particulares para o abastecemento enerxético o que implica unha redución de custos, porque só pagará polo consumo - que é até un 20% máis barato que o dos sistemas actuais, pero non polo seu mantemento, segundo explicou Álvaro Santos.

O edil de Sostibilidade Urbana deu conta dos detalles do proxecto “que pasa, primeiramente pola creación dunha sociedade mercantil, con sede en Lugo, e por propoñer, ademais, a súa declaración de interese municipal e de utilidade social”.

Cómpre destacar que, á marxe das vantaxes e beneficios medio ambientais que aporta, cos que queremos contribuír á descarbonización da atmósfera, a iniciativa ten tamén un carácter de dinamización económica e xeradora de emprego local, xa que os traballadores desta empresa serán preferentemente veciñas e veciños do municipio e para a súa contratación, a compañía contará cos servizos de orientación laboral do Concello tanto na fase de construción da central como para o propio mantemento da mesma”, anunciou Santos Ramos.

O responsable da área de Urbanismo indicou tamén que “o protocolo asinado hoxe será o marco xeral polo que se rexerá a relación de cooperación entre a institución local e DH ECO ENERGÍAS, no que se contempla o compromiso do Goberno para axilizar e simplificar os procedementos administrativos coa vontade de aceleralos e facilitar o desenvolvemento da Rede de Enerxía para que esta sexa unha realidade o máis axiña posible”, concluíu Álvaro Santos.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a implantación no Ceao dunha Rede de Distrito que subministrará enerxía renovable á cidade | Descargar mp3
 

Multimedia

  • O Concello de Lugo facilitará a implantación no Ceao dunha Rede de Distrito que subministrará enerxía renovable á cidade
  • O Concello de Lugo facilitará a implantación no Ceao dunha Rede de Distrito que subministrará enerxía renovable á cidade

Noticias relacionadas