O Concello de Lugo fomenta o hábito da lectura entre os máis pequenos con novas sesións de animación e contacontos

Xoves, 11 de marzo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo pon en marcha un novo programa de animación á lectura para os máis pequenos na Biblioteca Municipal. A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, presentou as actividades que comezarán hoxe xoves 11 de marzo e que van dirixidas a nenos de entre 3 e 12 anos e unha delas a bebés de 0 a 3 anos. As sesións terán lugar os xoves, ás 19:00 horas.

Con este programa trátase de impulsar a utilización da Biblioteca por parte dos máis cativos e cumprir así cos compromisos do Goberno Local para que se converta nun centro cultural de referencia. É unha maneira de que os máis pequenos se acheguen á cultura e, en especial, aos libros.

O programa de animación á lectura e contacontos contempla numerosas actividades entre o 11 de marzo e o 9 de decembro nas que contacontos achegarán ós rapaces ó mundo da fantasía.

O que máis anima ao Concello de Lugo a continuar co programa é que, os participantes máis novos mostran un especial interese pola actividade, cunha fidelidade na súa asistencia dende o primeiro ao último día e unha participación activa nas sesións. Ademais, estes rapaces e rapazas establecen deste xeito o seu primeiro contacto coa biblioteca municipal, familiarízanse co espazo, coas súas normas e acceden aos servizos da biblioteca ao darse de alta como socios e solicitar os seus primeiros préstamos.

Programa:

- 11 de marzo ás 19.00 h. Contacontos. INÉS CUADRADO. “Sombras e cores”. Animación á lectura a través de relatos de contos e lendas con sombras chinesas, coa participación dos cativos.

- 18 de marzo ás 19.00 h. Contacontos. TARABELOS. “A qué cheiran os contos?” Contacontos con narración ilustrada, utilizando monicreques, teatro de sombras, máscaras, escenarios e outras técnicas teatrais.

-25 de marzo ás 19.00 h. Contacontos. COMPAÑÍA DO TRINKE. “A viaxe espacial dos ratos de biblioteca”. Os ratos da biblioteca contan a aventura da que acaban de regresar e lémbralles aos nenos as normas de funcionamento da Biblioteca.

- 8 de abril ás 19.00 h. Contacontos. OS CONTOS DE PABLÍSIMO. “Os contos de Pablísimo”. O contador Pablísimo narrará co seu peculiar estilo diversas historias acompañado de obxectos, sons e xestos.

- 22 de abril ás 18.30 h. Obradoiro. BABALUVA TEATRO. “Contaconto con monicreques”. Para nenos maiores de 5 anos. Aforo limitado a 20 participantes.
Obradoiro coordinado por unha monitora de teatro e outra de artes plásticas co obxectivo de que os participantes elaboren un pequeno espectáculo de monicreques.

- 29 de abril ás 19.00 h. Contacontos. FÁTIMA FERNÁNDEZ. “Un soño de contos”. Contos interactivos adaptados ao público, buscando a máxima participación

- 6 de maio ás 19.00 h. Contacontos. FRAN INSUA. “Cómo dar a volta ao mundo sen saír do teu barrio”. O contador explicará cómo hai uns días coñeceu a unha rapaza chamada Madlenka que lle contou cómo dar a volta ao mundo sen saír do barrio.

- 20 de maio ás 19.00 h. Obradoiro. TEATRO BURATINI. “A biblioteca imaxinaria”. Para nenos e nenas maiores de 8 anos. Aforo limitado a 20 participantes. Obradoiro de creación literaria no que se utilizarán diversas técnicas para conseguir que cada neno participante cree a liña argumental da súas propia historia ou conto: o cofre do tesouro, o binomio fantástico,…

- 27 de maio ás 18.00 h. Contacontos. CHARO PITA. “Fábulas no berce”. Para nenos e nenas de 0 a 3 anos acompañados polos seus pais. Aforo limitado a 20 participantes. A través de relatos sinxelos, ritmos e cancións introducirase aos máis pequenos no universo das palabras.

- 3 de xuño ás 19.00 h. Contacontos. MIGALLAS TEATRO. “Conta Contos”. Os contos tradicionais ou de creación de María dos Contos tratan cuestións moi próximas aos nenas e nenos e teñen como finalidade, ademais de entreter e divertir, achegar elementos importantes da nosa cultura.

- 17 de xuño ás 18.30 h. Obradoiro. JACOBO FERNÁNDEZ SERRANO. “Obradoiro de banda deseñada”. Para nenos maiores de 6 anos. Aforo limitado a 20 participantes. Neste obradoiro repasaranse algúns dos elementos da linguaxe do “cómic” e poñeranse en práctica eses elementos debuxando unha páxina.

- 24 de xuño ás 18.30 h. Obradoiro. MARISA IRIMIA co músico JUAN CARLOS VÁZQUEZ “Obradoiro conto-musical”. Para nenos maiores de 7 anos. Aforo limitado a 30 participantes. Empregaranse recursos plástico-sonoros para a elaboración dun sinxelo conto con música.

- 30 de setembro ás 19.00 h. Contacontos. FÁTIMA FERNÁNDEZ. “Contos de galiñas e galos”. Narración dun conto seguido dunha actividade relacionada con el.

- 14 de outubro ás 19.00 h. Contacontos. SANTI PREGO. “Contos da lúa”. Empregaranse bonecos para contar os contos: en total dous ou tres con participación dos nenos e dous ou tres contos narrados.

- 21 de outubro ás 19.00 h. Obradoiro. RAMÓN CARIDE OGANDO. “Cómo se escribe un libro”. Para nenos maiores de 7 anos. Aforo limitado a 20 participantes. Neste obradoiro explícase de xeito práctico o proceso creativo dun libro de ficción, de prosa ou poesía, procurando que os participantes elaboren os seus propios textos partindo da idea inicial, a documentación, o plan de traballo, a redacción, os borradores, a corrección…

- 28 de outubro ás 19.00 h. Contacontos. PAVIS-PAVOS. “Sesión de contacontos para a infancia”. Narración de contos tratando de recuperar a oralidade e a figura do contador tradicional e incluíndo tamén contos de creación propia.

- 11 de novembro ás 19.00 h. Contacontos. FÁTIMA FERNÁNDEZ. “O segredo do rei”
Contos interactivos adaptados ao público, buscando a máxima participación.

-18 de novembro ás 19.00 h. Obradoiro. SANTIAGO GUTIÉRREZ. “Taller de debuxo e cómic”. Neste obradoiro de debuxo indicarase cómo ilustrar un conto infantil ou un cómic: guión, composición das páxinas, planos, onomatopeas, narrativa secuencial… Faranse divertidos exercicios para os rapaces.

- 25 de novembro ás 19.00 h. Contacontos. AS MARÍAS. “A amizade é o mellor tesouro”. A historia deste conto ocorre nun bosque onde todos os animais son bos amigos e compañeiros ata que aparecen a envexa e a vergoña…

- 2 de decembro ás 19.00 h. Obradoiro. XOÁN NEIRA LÓPEZ. “Iniciación á poesía”. Para nenos maiores de 7 anos. Aforo limitado a 30 participantes. O obradoiro constará dunha charla de iniciación á poesía no que se farán xogos lingüísticos, acrósticos, caligramas, palíndromos, anagramas e se xogará co ritmo e a rima na poesía.

- 9 de decembro ás 18.30 h. Obradoiro. FÁTIMA FERNÁNDEZ. “O desexo da lúa”. Para nenos maiores de 7 anos. Aforo limitado a 30 participantes. A partir dun conto, cada neno realizará unha páxina do libro dos desexos da lúa.

Estas actividades deseñáronse pensando en ofrecer aos lucenses un tempo de lecer en familia.

Multimedia

Noticias relacionadas