O Concello de Lugo recibe do Ministerio de Transportes os 2’3 km da N-VI comprendidos na zona DUSI

Lara Méndez, asinaba hoxe o documento de entrega dos terreos nun acto, celebrado na Casa Consistorial, xunto ao Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada

A actuación permitirá desenvolver con maior dilixencia as iniciativas contempladas na Estratexia Muramiñae encamiñada a integrar a contorna urbana co río

Mércores, 05 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo recibe do Ministerio de Transportes os 2’3 km da N-VI comprendidos na zona DUSI

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibía hoxe do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana os terreos correspondentes ao tramo da estrada N-VI, comprendido dentro da zona de actuación DUSI. En total, 2’3 quilómetros que pasarán a incorporarse no viario urbano do Concello de Lugo o que permitirá desenvolver, con maior dilixencia, as iniciativas contempladas na Estratexia Muramiñae.

“Esta cesión facilitará a integración da cidade e o río dunha maneira máis flexible xa que, na posta en marcha das intervencións programadas para esta contorna, se poderán aplicar conceptos urbanísticos que estean menos condicionados pola lexislación sectorial ao tratarse dun tramo que xa non se atopa contemplado dentro Rede do Estado”, sinalou a rexedora.

No acto, ao que en representación do executivo Central acudiu o Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a alcaldesa destacou que “se ben esta actuación lle permite ao Ministerio preservar a continuidade da súa rede de estradas, como alternativa ao tramo a través da nova ponte sobre o Miño, a estrada autonómica LU-612, a autovía A-54 e a vía de altas prestacións LU-12 ata conectar novamente coa estrada N-540, para o Concello de Lugo é un paso máis que posibilita avanzar na conexión da zona urbana co leito fluvial, xa que a N-VI era unha das principais barreiras que presentaba a zona enmarcada na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible”.

Unha vía de 2.320 metros de lonxitude pola que circulan máis de 23.000 vehículos ao día

Lara Méndez referiu que, dentro dos elevados niveis de tráfico que actualmente soporta esta estrada, ao redor do 85% dos 23.305 vehículos que transitan diariamente por ela teñen orixe ou destino na propia cidade, “o que a converte nunha sorte de terceira rolda de circunvalación polo sur – suroeste de Lugo, outro dos motivos polo que tanto para o Concello como para o Ministerio resulta non só viable senón tamén conveniente proceder a esta cesión”.

A rexedora indicou que a N-VI, cunha idade estrutural que procede de xuño de 1975, aglutina unha importante concentración de accesos por tratarse dun treito moi condicionado polo crecemento urbano da cidade.

“Ten, en total, 2.320 metros de lonxitude e conta cun carril por sentido de circulación e beiravías, con varios accesos a estradas de titularidade municipal. Dentro do obxecto da actuación inclúense, ademais dous ramais de acceso á ponte sobre o Río Miño, a raqueta na marxe oposta do acceso ao Balneario, os ramais na zona de entrada/saída próximo á Ponte Romana e o ramal de conexión da N-540 coa N-VI en sentido Santiago-Madrid, así como o de incorporación desde a N-VI á Avenida das Américas e o de saída desde a Avenida Breogán sentido A Coruña. E enténdese incluída tamén, tanto a traza de estrada e os seus elementos auxiliares, como os terreos anexos e sobrantes de expropiación”.

Méndez comentou que a última actuación nela data de outubro de 2009 e que, actualmente, o seu estado de conservación así como o das dotacións que posúe (sinalización, balizamentos, etc) é bo, en termos xerais.

“Polo que, tendo en conta as súas características orográficas e construtivas e o feito de que tanto a iluminación pública coa que conta como o seu mantemento xa son de titularidade municipal, terá uns custos de conservación ordinarios en torno aos 46.000 euros por ano entre os que xa figuran as intervencións periódicas de roza e de consolidación en época de fortes choivas debido ao gran noiro que presenta”, abondou.

A alcaldesa lembrou igualmente que o Concello tamén contempla, no horizonte de 2024, a realización dalgunhas obras de reposición e reinversión nesta vía valoradas en preto de 30.000€.

Xa para finalizar, Lara Méndez encadrou o acordo con Transportes “dentro da relación de diálogo e colaboración permanente que mantemos as dúas administracións, a prol do interese xeral e acorde as liñas de actuación fixadas por este goberno cara o futuro verde, sustentable, conciliador e respectuoso co medio ambiente que deseñamos para Lugo”, concluíu a rexedora.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a cesión | Descargar mp3

Noticias relacionadas