O Concello de Lugo respalda a marcha 7N contra as violencias machistas

O obxectivo desta primeira mobilización estatal convocada polo Movemento Feminista é esixir a reactivación e a mellora da prevención e da resposta ante a violencia machista, da que foron vítimas no que vai de ano 41 mulleres

Venres, 06 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Fachada da Casa Consistorial

O Concello de Lugo respalda a marcha contra as violencias machistas, que terá lugar mañá sábado en Madrid, nunha decisión aprobada de xeito unánime na pasada sesión plenaria. Neste senso, mañá tamén se colocará na fachada do Concello unha pancarta violeta co lema Contra as violencias machistas.

O obxectivo desta primeira mobilización estatal convocada polo Movemento Feminista é esixir a reactivación e a mellora da prevención e da resposta ante a violencia machista, da que foron vítimas no que vai de ano 41 mulleres.

“Co apoio a marcha contra as violencias machista, queremos facer un chamamento á concienciación cidadá para loitar entre todos contra esta intolerable lacra social”, asegurou a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, quen fixo un chamamento á participación nesta “marea violeta”.

“O Concello de Lugo está comprometido coas políticas a prol da igualdade entre mulleres e homes”, subliñou a edil, quen lembrou o recentemente rubricado pacto cidadán por un Lugo libre de violencia machista e a posta en marcha do IV Plan de Igualdade de Oportunidades no que está a traballar o Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade, que se reuniu o pasado martes no Salón de Plenos.

“Os Concellos, como institución máis próxima aos cidadáns, somos imprescindibles para a prevención e a atención social, xurídica e psicolóxica”, destacou González Abelleira, ao tempo que lamentou que os concellos soamente poidan prestar servizos sociais, de promoción da igualdade de oportunidades, e de prevención da violencia contra a muller por delegación do Estado ou da comunidade autónoma financiada ao 100%, “que en absoluto cobre os 6 millóns destinados pola Xunta para a violencia de xénero nos orzamentos para o 2016”.
“Esiximos medidas reais de prevención para erradicar o terrorismo machista, o amparo das vítimas e o incremento de medios e recursos para combater esta lacra”, subliñou a Concelleira.

Noticias relacionadas