O Concello destina 19.300€ ao alumeado ornamental do San Froilán, que marcará o Camiño Primitivo ao seu paso pola cidade

Instalaranse 242 arcos, rótulos e focos en 64 puntos da cidade: rúas, prazas, portas da Muralla e recinto feiral

A Xunta de Goberno aprobou o contrato do alumeado e a delegación na Concelleira de Cultura das competencias para revolver todos os procedementos administrativos do San Froilán co fin de axilizar a organización dos festexos

Mércores, 19 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández, voceiro municipal

A Xunta de Goberno aprobou na reunión deste mércores o subministro e instalación do alumeado público ornamental nas rúas durante as festas de San Froilán, do 3 ao 13 de outubro, por un importe de 19.300 euros, segundo explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández. A adxudicataria poderá comezar coa instalación a partir do 23 de setembro, previa consulta co departamento municipal de Cultura, e a desmontaxe terá lugar entre os días 13 e 23 de outubro.

Instalaranse 242 arcos, rótulos e focos en 64 puntos da cidade: rúas, prazas, portas da Muralla e recinto feiral. Miguel Fernández adiantou que este ano “colocaremos alumeado dedicado ao Camiño de Santiago entre a Ronda das Fontiñas e Porta Miñá, parte do trazado da ruta xacobea ao seu paso por Lugo, en recoñecemento á recente declaración deste ben como Patrimonio da Humanidade”.

Tamén vinculado coas festas patronais, a Xunta de Goberno acordou delegar na Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, as competencias para a resolución de todos os procedementos administrativos relacionados co San Froilán co fin de axilizar toda a tramitación e, como consecuencia, a propia organización das festas.

Obras de saneamento

Por outra banda, a Xunta de Goberno, explicou o voceiro do Concello, aprobou incoar un expediente de resolución de contrato á adxudicataria das obras de mellora da rede de saneamento das rúas Pía Páxaro e Monte Adairo, a empresa Contratas y Obras Públicas MECUMA, “en base a informes técnicos e debido ao incumprimento do prazo de execución das obras, estipulado en 3 meses”. Os traballos deberan estar rematados o 28 de febreiro deste ano. Concedéronse tres prórrogas, a última con data límite do 31 de xullo, sen que a obra estea rematada. A día de hoxe está executada toda a parte do saneamento e abastecemento de ambas rúas, restando por acometer a pavimentación. Tamén se incoa expediente de resolución pola reiterada obstrucción ou falta de colaboración por parte da empresa para facer efectivas as facultades de dirección, inspección e supervisión das obras e polo impago a provedores e subcontratistas para a execución dos traballos.

Acordouse así mesmo conceder á adxudicataria un trámite de audiencia de 10 días hábiles para presentar alegacións. Unha vez concluído este proceso de resolución do contrato, o Concello retomará de inmediato o proxecto.

Audio

  • Declaracións de Miguel Fernández, voceiro municipal | Descargar mp3

Noticias relacionadas